icono_muller
Biografía
Imaxes
Ligazóns

Fidel custodia no exilio do ricaz herdo galeguista

VIRXINIA PEREIRA

A Estrada, 1884 – Madrid, 1969

Virginia Nicolasa María de Gracia Tomasa naceu na Estrada no seo dunha familia numerosa. O seu pai, procurador do xulgado de primeira instancia e avogado, deulle ás súas sete fillas e tres fillos á educación que lles correspondía  segundo a súa posición social e xénero.

En Compostela, na casa da súa irmá máis vella, coñece a Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao quen, segundo testemuño da súa irmá Teresa, fora antes mozo doutra irmá de Virxinia, Eva.

Virxinia e Daniel, vencendo a oposición inicial da familia dela, casan na Estrada no ano 1912. Múdanse a vivir a Rianxo onde o seu home exerce como médico xeral. Nesta vila nace o seu fillo, Alfonso Xesús, en 1914.

En 1916 trasládanse a vivir a Pontevedra ao deixar de exercer o seu marido a medicina debido a un desprendemento de retina. Virxinia desvívese en preocupacións pola delicada saúde do seu fillo, Alfonso,  e os tratamentos oftalmolóxicos de Daniel. En 1928 morre o fillo.

Os avatares da política e o protagonismo crecente do seu home no partido galeguista marcaron a vida de Virxinia xa en tempos da República co desterro vivido en Badaxoz. Totalmente identificada cos ideais do seu home, co levantamento contra a República e o inicio da guerra, compartirán unha pelegrinaxe constante por Madrid, Barcelona, Valencia e por países como Francia, Unión Soviética, Estados Unidos, Cuba…. Como anota Ana Acuña “neses periplos polo mundo Virxinia colle o testemuño de Castelao e interveñen en actos públicos… en Nova York en 1938 ou en Uruguai en 1940. Mesmo substitúe ao seu home na homenaxe a Manuel Irujo en Arxentina en 1948”..

Virxinia enfronta o exilio con 54 anos. En xuño de 1940, despois de múltiples trabas,  embarca co seu home en Nova York no vapor “Arxentina” con rumbo a Bos Aires. Fixan a súa vivenda nun piso da rúa Belgrano con pequenas estadías en Uruguai, México ou París (nesta cidade Castelao será ministro sen carteira no goberno Giral entre 1946-1947).

A sociedade Unión Estradense faille en 1941 unha homenaxe a súa ilustre veciña, que Rodolfo Prada enxalza no seu discurso ao apuntar: “Criada con folguras, pasou as maiores privacións; acostumada a comodidades, pasou as maiores durezas. Máis non por iso se escoitou dos seus beizos unha queixa, nin deixou de alumear na súa face o sorriso optimista”

Nestes anos e ata a morte de Castelao en 1950, ocupa o seu tempo no apoio a produción artística e intelectual do seu home e no coidado da súa fráxil saúde. Ante a fatal diagnose dos doutores Sánchez Guisande e Pastor, no derradeiro ano de vida de Daniel Virxinia convértese na súa enfermeira.

A viuvez provoca en Virxinia Pereira- segundo apunta A. Acuña- “unha especie de pequena rebeldía nacida dun gran dolor que só se atreve a confesarlle a Otero Pedrayo”. Os anacos de azos que lle restan- escrebe Montse Fajardo- “ponos o servizo da causa de Daniel. O único que a vai mover a partir de agora é sentirse gardiá de todo o que teña que ver con el, desde o seu legado para a historia ata os detalles máis pequenos”.

Como recolle tamén M. Fajardo, do artigo publicado en La Voz de Galicia en 1986 ( o día 30 de marzo) por Alfonso Fidalgo Pereira, sobriño de Virxinia, esta “non asumiu o papel conformista da esposa resignada e dócil á sorte do seu compañeiro. Lonxe diso acometeu unha participación activa en gran número de actos e manifestacións públicas nas que lle era dado intervir… Así foi durante a vida de Castelao e logo de morto” . A mesma Virxinia contaría que Castelao lle fixera prometer que non se metería en política; un desexo que non lle cumpriu porque como escrebe en carta a Otero Pedrayo:

“parece que non esquecen ren, menos a parte política que se silenciou por cuanto é ahí onde a porca torce o rabo sin decatarense de que todo o arte do noso Castelao, debuxos, escritos, conferencias etc son esencialmente política”

En 1962 fai unha primeira viaxe a Galicia dende a súa partida en 1936, motivada pola posta en marcha da reclamación xudicial en defensa dos dereitos que entendía lle foran vulnerados co expediente de responsabilidades políticas. Volta de novo en 1964 e asina a cesión ao Museo de Pontevedra dos dereitos que como viúva tiña sobre a obra de Castelao. Repite viaxe en 1966,  1968 e 1969. Este ano será tamén o do deu pasamento en Madrid onde fora trasladada tras un grave accidente na sua vila natal da Estrada

O nome de Virxinia Pereira perdura entre as mulleres agrupadas no colectivo Herbas de Prata de mulleres galegas en Bos Aires; e o recoñecemento que outorgan para render homenaxe “ao traballo anónimo das mulleres galegas que co seu labor persoal axudaron ao desenvolvemento das súas familias e souberon sementar nelas o amor e o respecto pola súa orixe galega” leva o nome de Virxinia Pereira.