Historiadora e creadora literaria

Susana Beatriz Maceira Quinteiro

Bos Aires ca, 1955

Nace na capital arxentina. De pais galegos que rexentaban en propiedade un popular bar porteño. O matrimonio terá tamén outra filla menor. O seu pai nacera na pontevedresa aldea de Torroso, no concello de Mos, mentres que a súa nai era orixinaria de terras do ribeiro ourensán, de Beiro (Carballeda de Avia). Viaxa por primeira vez a Galicia con seis anos.

Ambos paraxes de procedencia familiar marcarán a vida de Susana. En Bos Aires participa na vida da entidade da Asociación de Residentes de Mos en Buenos Aires, da que o seu pai foi vicepresidente e ela mesma secretaria de cultura. Relacións coas terras pontevedresas que se reforza con ocasión de viaxes familiares e o mesmo sucede co Beiro ourensán. Neste caso, as circunstancias familiares que desencadearon o proceso migratorio cara Arxentina ocuparán un espazo preferente da súa novela, que verá a luz en 2013, titulada Un mundo que no vi.

Nos anos setenta cursa estudos universitarios na capital arxentina, licenciándose en Filosofía e Letras. Inclinarase despois pola historia e pola docencia da mesma. A inquietude que lle espertou unha profesora de historia medieval, nos seus cursos de licenciatura, pola civilización árabe en España, e en especial pola arte islámica, motivouna a realizar diversas investigacións con esta temática e estancias de investigación en universidades españolas. Así, na Universidade Autónoma de Madrid permanece un ano cunha bolsa de investigación. Vivirá despois, preferentemente en Galicia, durante sete anos. Nese tempo realiza cursos de doutoramento na Universidade de Santiago de Compostela ao tempo que prepara unha investigación sobre as mulleres galegas na Arxentina. Tema sobre o que imparte conferencias nas universidades de Santiago e Vigo.

Susana considérase novelista tardía. A publicación da primeira edición da súa novela realízase unha vez que ela está xubilada da súa docencia en historia. As fortes vivencias que lle transmiten as mulleres da súa póla materna (principalmente a súa avoa materna e a súa nai; esta felizmente viva e lúcida aos seus 101 anos) déronlle pulo á hora de poñerse a escribir a represión e as penalidades soportadas na aldea. O título, Un mundo que no vi, remite aos versos de Rosalía de Castro extraídos do seu coñecido poema “Adiós ríos, adiós fontes”:

¡Adiós, gloria! ¡Adiós, contento!
¡Deixo a casa onde nacín,
deixo a aldea que conoso,
por un mundo que non vin!

A pandemia de coronavirus obrigou a adiar o xa avanzado proxecto de Alejandro Giles de levar ao teatro o relatado na súa novela. Proxecto que acaba de ser retomado polo mesmo director. Tamén o texto motivou o interese de algunhas produtoras cinematográficas. A novela vai agora pola súa terceira edición.

O seu quefacer literario esténdese tamén á poesía. Recolle o xornal El Faro de Vigo na súa edición do 16 de agosto de 2023 un dos seus poemas titulado Ría de Vigo.

Susana é a presidenta da Fundación Alminar. Entre as realizacións levadas a cabo pola fundación hai que salientar a publicación do estudo “El arte Mudejar en Argentina” que recolle o texto da conferencia pronunciada no XXV Simposio da SEEA (Sociedad Española de Estudios Árabes) en Córdoba en novembro de 2018.

Vive actualmente en Bos Aires. Susana ten un fillo e dous netos.