Música e pedagoga. Exiliada nos Estados Unidos

SOFÍA NOVOA ORTIZ

Vigo, 1902 – Madrid, 1987

Nacida nunha familia viguesa, cuxo pai Joaquín Novoa Barros, republicano socialista, mantiña relacións estreitas de amizade con representantes da Institución Libre de Enseñanza e de maneira especial con María de Maeztu. Esta sería a mentora da súa filla na Residencia de Señoritas (adxunta á célebre Residencia de Estudiantes) cando ao remate dos seus estudos de bacharelato en Vigo, con dezasete anos, se traslade Sofía a Madrid a realizar estudos de piano e composición.

Estuda a carreira de Solfeo, Harmonía e Piano no Conservatorio Superior de Música de Madrid, que remata en 1925 con premio extraordinario. Vive neses anos na Residencia de Señoritas, institución feminina recentemente creada (1915), dependente da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas (JAE), onde puido dispoñer do seu propio piano. A alumna axiña chegaría ser profesora de “Coros y Ritmo” no Instituto-Escuela e de Historia da Música presidenta da Sección Artístico-Musical da Residencia … Os seus estudos musicais, actividades, preocupacións… Reflíctense amplamente na correspondencia que mantén entre 1919 e 1936 con María de Maeztu e que hoxe se conserva na Fundación Ortega y Gasset.

Para Elvira M. Melián (2007) Sofía Novoa representa “a máis pura quintaesencia das “Señoritas” da Residencia. Será unha das artífices, con María de Maeztu, dun ambicioso programa educativo-musical da Residencia, así como a promotora e a primeira presidenta (1931-1935) da Asociación de Alumnas de la Residencia. Sempre se mantivo intimamente ligada á institución mesmo tendo en conta as súas frecuentes estancias de estudo e traballo no estranxeiro que xa iniciara no curso 1925-1926 en Lisboa con Vianna de Motta, pianista de renome e mestre portugués. Está en París en 1928 grazas a unha bolsa da Deputación de Pontevedra e de novo en 1929 para continuar os seus estudos con Nadia Boulanger e Jacques Dalcroze, que buscaban na música e na ximnasia rítmica o desenvolvemento harmónico individual da capacidade e sensibilidade do colectivo de estudantes. Nesta liña, defendía Sofía Casanova que o desenvolvemento das calidades auditivas, rítmicas e artísticas individuais potenciarían a unicidade do individuo e a súa capacidade de pensar, actuar e decidir.

Nas cartas que intercambia con María de Maeztu escrebe:

«Estou convencida de que a base de toda formación musical debe ser a ximnasia rítmica, o ditado musical e a asistencia a concertos. E iso, claro está, dunha maneira xeral, e para aquelas persoas que non fagan unha profesión da música.”

Regresa a Madrid en 1930 e exerce de profesora de Música no Instituto-Escuela. Permanece na Residencia de Señoritas ata 1936, con estancias intermitentes no estranxeiro e impartindo conferencias. A Guerra Civil trunca a posibilidade de disfrutar da bolsa concedida en 1936 pola JAE para ir a París-Fontainebleau e Xenebra. En 1937 Sofía embarca en Lisboa (no transatlántico Vulcania) cara o exilio norteamericano. Matricúlase en Filosofía e Letras na Universidade de Columbia, na que se licenciará aos poucos anos. Durante dous anos dará clases de español nesa universidade. Aséntase definitivamente na institución vencellada desde dúas décadas antes coa Institución Libre de Enseñanza e coa JAE, e moi en especial con María de Maeztu, o Vassar College (Poughkeepsie, Nova York), onde será catedrática e directora do Departamento de Español, ata a súa xubilación en 1967. Antes, en 1942 Publica en Nova York Cantares Españoles (Gressler Publishing Company).

En xuño de 1950 lee na Universidade Central de Madrid, diante dun tribunal presidido por Dámaso Alonso a súa tese de doutoramento, “El amor en el Romancero Viejo” que lle dirixira Rafael Lapesa.

Regresa a súa actividade en EE.UU, desenvolvendo tamén actividades musicais e radiofónicas e impartindo cursos de verán no Middlebury College (estado de Vermont).

Coa súa xubilación regresa a Madrid con longas estancias en Vigo. Morre en 1987.

A Deputación de Pontevedra outorga desde 2016 o premio Sofía Novoa Ortiz “á inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e de fin de máster” na Universidade de Vigo.

En 1922 o Instituto de Estudios Vigueses publicou o libro de Carmen Losada titulado Sofía Novoa Ortiz. Pianista, pedagoga y exiliada. Texto que avanza respostas á pregunta formulada por R. Vázquez Ramil (2013) no título do seu artigo “¿Qué pasó con las mujeres gallegas de la Junta para Ampliación de Estudios? El recuerdo se desvaneció”.