Socióloga e traballadora social. Empresaria en México e en Galicia

Sandra Taboada Porto

A Estrada, 1968

Viaxa coa súa nai (María Pilar Porto) a México, por primeira vez, con cinco anos. Na capital mexicana agardábaas o seu pai ( José Taboada) quen tivera que esperar un ano, segundo a lexislación do momento, para poder reclamar a súa familia.

Non era a primeira vez que o seu proxenitor vivira a experiencia migratoria nese país. Unha experiencias, polo demais, á que se pode apoñer o calificativo de particular pois a familia tiña en Galicia unha boa posición económica e era propietaria en Baión (Vilanova de Arousa) do pazo O Cabidoo. A explotación agropecuaria do pazo diríxea e administra José Taboada durante uns anos. Despois, non contento coa marcha da mesma trasládase a vivir un tempo a Brasil, Guatemala e despois México onde xa estaba o seu irmán máis novo. Decide asentarse neste último pais no que desenvolverá distintos traballos de administración de grandes facendas. Regresa a Galicia e casa cunha muller estradense, de familia vilega con tradición no mundo das moblerías (Os Torrado); desta unión nace a súa única filla.

Sandra vive cinco anos en Baión (no Cabídoo) onde os pais desenvolveran unha nova actividade empresarial agraria. O pai decide volver a México e ao ano seguinte reunirase alí a familia ao completo. Estes primeiros anos de Sandra en México vívenos entre o colexio de monxas en Tlalplan no que cursa os seus estudos e os xogos na rúa cas nenas e nenos mexicanos da súa idade. Compartía así o mundo intrafamiliar que conservaba os usos e costumes da terra de procedencia coa inmersión na vida da infancia mexicana.

A experiencia empresarial que atesouran os dous proxenitores, e o feito de contar con patrimonio persoal á hora de montar unha moblería no Ajusco, no sur da capital federal, no Pedregal de Santo Domingo na actualidade (antes Santo Domingo de los Reyes de Coyoacán), explica o éxito económico acadado en breve tempo coa moblería e que cando Sandra ten trece anos a familia, aínda mantendo o negocio familiar, se volva para Vilagarcía de Arousa. Xa antes Sandra viaxara cos pais con frecuencia a Galicia, no nadal e no verán.

Tras cursar os seus estudos de bacharelato e os universitarios Sandra casa e vive dous anos en México. Alí nace o seu primeiro fillo, mentres que o segundo xa nace en Galicia.
Compaxina o seu traballo de socióloga e traballadora social en distintos centros (que atenden persoas con autismo e outros centros dedicados á discapacidade intelectual) con estancias en México por implicación na empresa familiar.

Na actualidade Sandra e os seus dous fillos desenvolven de maneira simultánea unha actividade empresarial en México e en Galicia, cos tempos distintamente repartidos entre os tres. Unha forma de xestión dos seus negocios que caracteriza a coñecida “circularidade” (na relación México-Galicia-México) que da forma á actividade naquel país de diversas familias emprendedoras de orixe galega.