
ROSINA VILLAVERDE OTERO
Vilagarcía de Arousa, 1917 – 2015
Filla de Rosina Otero e de Elpidio Villaverde, a militancia política do seu pai, primeiro alcalde republicano de Vilagarcía de Arousa e deputado a Cortes en 1936 por Izquierda Republicana, tronzou a súa vida de principiante de estudante de Filosofía e Letras ao ter que marchar precipitadamente ao exilio coa familia despois de permanecer escondida, xunto coa súa nai e os irmáns Francisco e Mariví. Saen de Vigo nun cargueiro inglés e con pasaportes falsos. Arriban a Marsella, onde os agardaba o seu pai e trasládanse primeiro a París e despois a Bordeos onde vivirán case que tres anos antes de embarcar en outubro do ano 1939 no Massilia con destino a Bos Aires. Para esta viaxe contaron coa axuda dos socios da fábrica de salazón que Elpidio dirixira en Galicia.
Lembra Rosina que “cuando nosotros tomamos la determinación de venir para acá, mi padre fue a hablar con los tres socios uno de origen italiano, otro de origen francés y otro español era una fortuna, nosotros vinimos sin un real, porque nos lo dieron ellos, nosotros pudimos pagar los pasajes del barco francés, el Massilia, con la plata de ellos y llegamos acá con la plata de ellos … Con un dinero para poder salir adelante los primeros meses, digamos de cualquier necesidad que pudiéramos tener”.
O seu dominio do francés facilitaralle a Rosina traballar en Bordeos no consulado español. Nesa cidade francesa, en medios exiliados, ha coñecer o que será o home da súa vida, Sandalio Alonso (leonés e militante socialista) co que despois de adversas circunstancias (entre as que se conta a viaxe de Sandalio como exiliado a Chile na expedición do Winnipeg en setembro de 1979) e da oposición familiar, especialmente paterna, rematará casando na embaixada de México en Bos Aires en 1941.
En Bos Aires Rosina traballa nunha fábrica da empresa Nestlé e Sandalio abre unha tenda de venda de tecidos.
Antes do seu regreso a España en 1979 viaxan pola antiga Checoeslovaquia, Portugal, a URSS… Regresan a España en 1978. Rosina cumpre o seu soño de casar de novo co seu home no xulgado de Vilagarcía, como así o fai en 1983. Ambos desenvolverán en Vilagarcía unha activa militancia socialista e Sandalio será ata a súa morte en 1988 secretario da agrupación socialista local.
Rosina morre en Vilagarcía con 99 anos cumpridos en xullo de 2015.