Profesora da Universidade Federal da Bahia (UFBA). Fundadora do Centro de Estudos da Lingua e Cultura Galegas no Brasil

Rosario Suárez Albán

Canarias, 1936 / Salvador de Bahía (Brasil) 2019

Os pais de Rosario, Manuel Suárez e Aurea Claro, de familia oriúnda de Gaxate (A Lama) trasladárase ás illas Canarias coa intención de proseguir máis tarde a viaxe a Salvador de Bahía onde Manuel se poría á fronte da xestión dos negocios do seu pai Palmiro, o primeiro da familia que emigrara a Salvador de Bahía, Brasil.

Nesa escala demorada nas Canarias vén ao mundo Rosario. A súa infancia e primeiros estudos discorren en Salvador de Bahía, no seno dunha incipiente colonia galega en continua expansión. A familia mantiña moi viva a súa forte raigame con Galicia, acrecentada no caso de Rosario polas repetidas viaxes e transmitidas vivencias do avó Palmiro entre Salvador e Gaxate. Tamén Rosario regresa a Galicia de nena en varias ocasións, con estancias ás veces máis longas, chegando a realizar estudos en Vigo no colexio San Xosé de Cluny.

Comenza en 1970, na universidade Federal da Bahía (UFBA), a súa licenciatura en Letras Vernáculas. Inicia o seu Mestrado en 1976 e desenvolve unha investigación sobre “O desempenho linguístico de imigrantes galegos na Bahia” que defenderá en 1978. Antes, convertiríase xa en “docente efectiva do Departamento de Letras Vernáculas” da devandita universidade. Carreira que continua por máis de tres décadas, ata a súa xubilación.

Na súa traxectoria académica ocupan un lugar destacado os temas relacionados con Galicia, xa fora en numerosas investigacións e publicacións (As súas investigacións inclúen ensaios como Ser galego na Bahia: onte e hoxe, 1998; Os galegos baianos em Salvador,  1998; A inmigración galega na Bahía, 1989; ou A presença do Galego na Bahia, 1989; por citar algunhas ben representativas); xa na realización de congresos(foi a responsable primeira da celebración do congreso “Língua e imigração galegas na América Latina”, celebrado en  Bahía en 1996) ou na participación activa, xa en 1975, na fundación do primeiro Centro de Estudos Galegos (1975) na Bahia, iniciativa que lle ía levar en 1995 a fundar o actual Centro de Estudos da Lingua e Cultura Galegas no Brasil. Precisamente no ano 2015 foi homenaxeada pola Universidade Federal en gratitude polos corenta anos da fundación do primeiro Centro de Estudos Galegos (1975) na Bahia; tamén a Assembleia Legislativa da Bahia lle outorgou a súa máis alta condecoración, a “Medalha Dois de Julho” en marzo de 2019 en recoñecemento ao seu papel de fundadora do Centro de Estudos Galegos (CEG) na Bahia, atualmente CELGA.

Outra faceta destacada de Rosario foi a da súa implicación na festa de confraternización galego-bahiana que se ven celebrando todos os anos desde 1984, a Festa das xeracións, na que ten un protagonismo destacado o Centro recreativo Río Tera. Noutras iniciativas a prol do benestar das persoas maiores tivo un papel relevante ao lado da súa amiga Lindaura Corujeira Albán, tamén documentalista e bibliotecaria do CEG.

Rosario, ao casar, suma ao seu o apelido o Albán do seu home. Foi nai de dous fillos e unha filla.