
REYNA PASTOR BAÑOS
Bos Aires 1925- Madrid 1922
Helena Elsa Reyna Pastor nace en Bos Aires de nai de Toedo (A Estrada) e de pai moi coñecido na comunidade galega por tratarse do célebre doutor Pastor, neumólogo, que acompañaría a Castelao en toda a súa etapa de enfermidade en Arxentina.
A súa nenez e adolescencia estivo, por relacións persoais dos seus pais, moi unida a xentes do exilio galego como o pediatra, docente e investigador Gumersindo Sánchez Guisande, que fora catedrático de anatomía nas universidades de Sevilla e Zaragoza, viúvo de Elisa Fernández de la Vega.
Ao ser o seu pai médico do Centro Galego e activo participante nas actividades do mesmo, unido á orixe galega da nai e, especialmente, ás vivencias e ata a transmisión do folclore por parte da súa avoa materna emigrante en Bos Aires, creáronlle especiais vínculos con Galicia que desenvolverá mentres viva na Arxentina, así como na súa posterior etapa do exilio en España.
Vinculada na súa inicial formación académica ao profesor Claudio Sánchez Albornoz, abrirase a novas correntes historiográficas da man do materialismo histórico especializándose no estudo do feudalismo, os conflitos sociais e económicos da Idade Media española (con especial atención á historia de Galicia), a historia da familia e das mulleres.
Entre 1962 e 1966 é profesora na Universidad del Litoral en Rosario (Arxentina), posto que perde pola ditadura militar de Onganía. É profesora en Aix-en-Provence (Francia) entre 1967 e 1968. De regreso a Arxentina, gaña o concurso de profesora titular de Historia de España en Rosario (1971-1975) e tamén imparte clases na universidade de Buenos Aires (1973-1974).
Exíliase en España, coa súa filla e o seu fillo, en 1976 debido á ditadura militar iniciada ese mesmo ano no seu país de nacemento. Instálase en Madrid e realiza frecuentes viaxes de estudo e traballo a Galicia. Ese mesmo ano de 1976 é nomeada encargada de curso no Departamento de Historia Económica da Facultad de Ciencias Económicas na Universidad Complutense de Madrid.
Escrebe unha nova tese de doutoramento Resistencias y luchas campesinas en la época del crecimiento y consolidación de la formación feudal. Castilla y León siglos X- XII, que presenta en 1980 e que foi publicada ese mesmo ano pola editorial Siglo XXI. No ano 1982 gaña o concurso de profesora titular de Historia Económica na devandita universidade.
En 1987 incorpórase, como profesora de investigación, ao Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), no Centro de Estudios Históricos, onde desenvolve unha grande actividade ata a súa xubilación en 1997.
É autora de diversos libros e de numerosos artigos de investigación, amplamente citados por medievalistas.
Participa na creación en 1994 de Arenal, Revista de Historia de las Mujeres creada por un grupo de historiadoras de varias universidades españolas que en 1991 crearan á súa vez a Asociación Española de Investigación de Historia de las Mujeres (A.E.I.H.M.). Reyna sería codirectora (xunto con Cándida Martínez e Mary Nash) desta revista de carácter académico-científico que contempla de forma específica a perspectiva de xénero e outras categorías propias dos estudos e a historia das mulleres e do feminismo. En 2005 pasaría a ser directora honorífica da mesma.