Como na primeira exposición, que con igual título, “Pontevedra e América. Unha mirada en feminino”, percorreu en 2022 distintos concellos da provincia, tamén o tempo transcorrido en Pontevedra e o vivido en América, se ben distintos en época, duración, circunstancias persoais… constitúen o principal nexo de unión entre as novas trece mulleres desta escolma.

Para unhas, América constitúe o seu lugar de nacemento, que moi axiña se compatibiliza co “mundo” incorporado na emigración familiar aos países de destino (Chita Lamas, Reyna Pastor, Noemí Cendón); outras manterán igualmente unha intensa e prolongada vivencia naqueles países (Sofía Novoa, Concepción Pazo, Blanca Rodríguez Sáez, Margarita Bilbatúa Zubeldia, Rosina Villaverde). En todos estes casos, debido á necesidade e á urxencia de exiliarse e de reunirse coa familia transterrada, como tamén lles afecta o exilio, nestes dous casos en Venezuela, a Bernarda Pereira Solla e a Concha Nogueira Miguel, pero por un tempo máis curto.

Casos singulares son o de Antía Cal, nacida en Cuba e criada en Galicia desde os nove anos, ou o de María Xosé Porteiro, que chega a Cuba con catro anos e regresa con catorce.

Distínguese pola súa singularidade o caso de Isaura Abelairas, que, sen nacer en Cuba nin vivir algúns anos naquel país, desenvolve presencialmente estreitos lazos familiares, interrompidos noutro momento do pasado, coa familia creada na emigración caribeña.

Quixemos tamén nesta segunda edición, que consideramos continuidade da primeira, darlle prioridade a evocar antes que a informar ou describir os custos que entraña toda mobilidade persoal ou familiar, xa sexa motivada por razóns laborais ou políticas. Buscábase propiciar evocacións que non só emocionasen, senón que permitisen, antes que nada, pensar, ver, sentir… para así ser quen de completar unha historia que lles compite a mulleres e a homes. Non abondan nesta segunda edición as historias de mulleres célebres, máis alá da ensinanza que a evocación que toda vida humana significa de seu, porque buscabamos traxectorias de mulleres que nos achegasen ao universo, amplísimo, das “xentes sen historia” que protagonizan maioritariamente a nosa historia migratoria. Evocar as súas vidas facilítanos dalgunha maneira “esa tarefa máis ardua —como escribiu o filósofo Walter Benjamin— de honrar a memoria dos seres anónimos, que non a das persoas célebres”.

Non debería sorprender, especialmente por un tema xeracional, a elevada representación de mulleres do exilio, oito de trece. Esta vez é a filósofa María Zambrano (na súa Carta sobre el exilio de 1961) quen bota toda a luz sobre a transcendencia de coñecer o exilio, cunha nova perspectiva, cando escribe (orixinariamente en castelán): “o exiliado levou consigo un pasado que pide ser recoñecido na súa verdade, non para realizar anacronicamente aquilo que puido ser e non foi… non, senón máis ben para liberar o presente da súa indixencia”.

Equipo de traballo

María Xosé Rodríguez Galdo

María Cadaval Sampedro

Antón Dopico Rodríguez

Deseño e programación web

Vanesa Ojea Barrio