Pontevedra marca para as trece mulleres aquí representadas unha parte importante da súa experiencia vital, asemade intimamente inserida nas súas vivencias en terras americanas, en países como Brasil, Cuba ou Arxentina.
O tempo transcorrido en Pontevedra e o vivido en América, se ben distintos en época, duración, circunstancias persoais…, constitúe o principal nexo de unión entre as mulleres desta escolma. Para unhas América constitúe o seu lugar de nacemento, que moi axiña se compatibiliza co “universo” incorporado na emigración familiar aos países de destino (A. Miranda, N. Piñón, L. Lores, T. Táboas), outras manterán igualmente unha intensa e prolongada vivencia naqueles países (I. Barreto; M. Arauxo, J. Sabor, I. Gómez, V. Pereira) sendo noutros casos a estadía máis curta, (M. Vinyals, E. Colmeiro, M. Villaverde, M. Ruibal) e non porén menos intensa.
Na realización deste proxecto expositivo priorizouse o tratar de evocar antes que informar ou describir os custes que entraña toda mobilidade persoal ou familiar, xa sexa motivada por razóns laborais ou políticas. Buscábase propiciar evocacións que non só emocionen, que permitan antes que nada pensar, ver, sentir… para así ser quen de completarmos unha historia que compete a mulleres e a homes.
Incorporar ao noso quefacer común á historia de vida destas trece mulleres, que polo seu capital relacional nos sitúan diante de problemáticas ben amplas e diversas, agrándanos a nosa mirada. Reforza lazos de solidariedade. Permite unha percepción máis solidaria da nova inmigración en Pontevedra, esta vez de marcada presenza feminina