
NOEMÍ CENDÓN TIZÓN
Caracas, 1967
Filla de emigrantes galegos en Caracas. O seu pai, José Cendón Muradás, nacera en Soutelo de Montes (Pontevedra) e a súa nai, María Dolores Tizón Rivera en As Neves de Grixoa (Ourense).
Estivo vinculada desde moi nena á Hermandad Gallega de Venezuela (HGV), da que o seu pai foi dúas veces presidente, en 1975-76 e en 1987-1989. Pertenceu aos grupos de danzas ‘Celta’, ‘Eiras Nosas’ e ‘Lembranzas’; integrante de diversos equipos de tenis e voleibol, así como integrante do Comité Juvenil entre 1985 e 1987.
É Comunicadora Social pola Universidad Católica Andrés Bello (UCAB) na promoción de 1988. Na Hermandad foi condutora do programa radial ‘Sempre en Galiza’ así como deseñadora e redactora do Boletín Informativo ‘Somos Hermandad’ entre 1999-2009. Participou activamente na vida asociativa da Hermandad, sendo integrante da Asamblea de Representantes de 2009 a 2011. Antes, entre 2007 e 2009, foi directora de Relacións Públicas e Sociais da HGV. Directora de Cultura e Arte nos períodos 2015-2017 e 2017-2019. Entre este último ano e 2022 foi vicepresidenta ata a sú elección como Presidenta en 2022, encabezando a “plancha” 2, postulada polo Grupo Unión, agrupación política que xa leva uns vinte e cinco anos dirixindo o destino da entidade HGV. A Hermandad conta con mais de 33.500 socios e ten adscrito o Colexio Castelao de infantil, primaria e bacharelato no que estudan máis de cinco centos de alumnos e alumnas.
Como parte directa da súa actividade profesional, foi xefa de Información do semanario ‘Magazine Español’ entre os anos 1991-1996 e co presentadora do programa radial ‘Pressing’. Actualmente é corresponsal de España Exterior en Venezuela e directora do portal web: ‘Actualidad Laboral’ e do programa de radio “Actualidad Laboral Radio”. Desde estes soportes elabora frecuentes notas moi críticas coa situación do seu país de nacemento, denunciando a precariedade dos servizos públicos, a situación dramática das persoas maiores e as repercusións que sobre esta franxa de poboación representa a emigración ao exterior dos membros máis novos da familia.
Noemí Cendón está viúva e ten unha filla médico realizando a especialidade en España.
Polo seu cargo de presidenta mantén unha estreita relación con Galicia. En xullo de 2022, no día da Galicia Exterior celebrado en Compostela, foi ela a que falou en representación das comunidades galegas no exterior, salientando que “Galicia é un exemplo para outras comunidades na atención que ofrece á súa xente e non só polas prestacións ou beneficios que se estean outorgando, se non tamén e, sobre todo, polo feito de saber que hai unha acaída preocupación por parte das autoridades, e de todo o Pobo Galego, pola situación dos seus irmáns do exterior”.