icono_muller
Biografía
Imaxes
Ligazóns

Figura destacada das letras latinoamericanas contemporáneas . Posuidora dunha rica herdanza pluricultural

NÉLIDA PIÑÓN

Vila Isabel, Río de Janeiro 1937

Nélida Cuinas Piñón grande escritora carioca contemporánea nace en Brasil, filla do galego de Cotobade Lino Piñón Muiños (un “home galante e misterioso” no dicir da filla na dedicatoria do seu Livro das horas, publicado en 2014)  e da brasileira de orixe tamén galega, de familia de Cotobade, Carme Olivia Cuiñas Piñón.

A súa vinculación con Galicia é profunda, latexa en distintos relatos e, de maneira especial, nunha das súas novelas emblemáticas A república dos sonhos (1984) na que conta a epopea da emigración galega e da construción do Brasil e incorpora a experiencia migratoria do seu avó materno, Daniel (Nélida é un anagrama deste nome como apunta en Guía-mapa de Gabriel Arcanjo, 1961), quen partira de Galicia en 1910 sen poder, nen querer, desprenderse do mundo que deixara na súa terra e que en forma de múltiples relatos transmitiría a súa neta.

A presencia de Galicia é unha constante na súa vida, sábese posuidora de formas culturais que o seu pai e a familia da súa nai lle legaron cando decidiron emigrar a terras brasileiras. Lembra ela en 2014, no discurso de recepción da Real Academia galega, que “non  perdía eu de vista que os avós e o meu pai, ao atravesar o  Atlántico para nacer eu en Brasil,  foran obxecto dunha  decisión política cuxo contido ignoraban… Por mor desa  decisión, a familia regaloume a maxestade da lingua portuguesa, a ciencia de pertencer ao novo continente. E me transmitiu igualmente a  noción de constituír un privilexio ser orixinaria dunha Galicia cuxa herdanza me autorizaban a reivindicar”.

Con 10 anos coñece Galicia e as míticas terras de Cotobade que nutriron  o seu mundo na infancia. Desembarca en Vigo en novembro de 1947. Na súa primeira impresión, relata, “Galicia   pareceume  inhóspita e  fría, por moito que as mulleres, de negro, símbolo dun loito eterno, fixéranme acenos  alborozadas…  resentíame con os ruídos dunha lingua que me  sonou áspera, sen dozura e lirismo”. As súas percepcións altéranse ao chegar a  Borela, a aldea familiar: “ sentín, nun instante, un intenso asombro amoroso. Coma se ata entón, privada da  razón, recuperase a miña matriz fundacional. Un súbito amor que  ademais de esclarecer a miña orixe, afirmaba quen era eu para estar no mundo. E que me levou a xurar un  inextinguible amor por Galicia”.  Impresións que perduran e se repiten nas súas numerosas visitas ao  país galego, “en canto chegaba a Galicia, gañaba de inmediato parte do  corazón que me faltaba”. Identifícase no seu traballo cos canteiros de Cotobade que “labraban a pedra co  cicel e sopraban o po e acariñaban a superficie para  testar a súa  lisura. Xestos de amor que eu  tamén aplicaba á literatura”.

En Galicia sería nomeada Filla predilecta de Cotobade en 2005. O concello instituíu en 2015 o “Premio de Relato Curto Nélida Piñon”.

En outubro de 2015, foi inaugurada en Cotobade a Casa de Cultura Nélida Piñon

Primeira muller Doutora Honoris Causa da Universidade de Santiago de Compostela (1998)

Medalla Castelao en 1992

Premio Rosalía de Castro, concedido polo PEN Clube de Galicia (maio de 2002).

O Consello de Ministros do Goberno de España aprobou, o 16 de novembro de 2021,  a concesión da nacionalidade española  por carta de natureza a Nélida Piñón.

En novembro de 2021 a escritora depositou na «Caja de las letras del Instituto Cervantes» un importante legado seu: primeiras edicións, fotografías, obxectos persoais e familiares.

Cunha vasta  bibliografía, as súas obras foron traducidas en máis de 30 países, e contemplan novelas, contos, ensaios, discursos, crónicas e memorias. Nélida Piñón entende a súa escrita como “representación da existencia” que combina a “paixón da literatura cos dominios da razón”. Nesa amalgama, os relatos familiares, especialmente os do avó Daniel, recoñece, asumiron un papel análogo ao que exercían os mitos para os antigos: “dar orde ao caos”.

En 2019 publicou «Uma furtiva lagrima», un libro intenso e sutil que non responde ás etiquetas de diario, narración ou memorias; No ano 2020 publica «Um dia chegarei a Sagres». Enseguida ambos traducidos ao castelán.

Mario Vargas Llosa, escribiu “gústame de Nélida Piñón por un lado a súa enorme comprensión e aceptación  da vida en todo o que ten, na súa diversidade e complexidade e, ao tempo, está en posesión dunha elegancia para darlle todas as formas que para min representan a civilización. Iso vino en poucas persoas como en Nélida”. Para o mexicano Carlos Fuentes “a maxia de Nélida Piñon consiste en combinar imaxinación e compasión, para dar aos seus personaxes e lectores unha pel á mesma temperatura que a deles”. Para o colombiano Álvaro Mutis, Nélida “é unha autora cun fulgor singular tremendo no tratamento da linguaxe, reunindo na súa vasta obra moitos universos que nos desafían con interrogantes fundamentais en tempos tan sombríos como os actuáis”. A propósito dos seus ensaios Darío Villanueva sostén que “funden nun mesmo crisol as ideas e os sentimentos, e exprésano todo nun ton de confidencia case oral que seduce  invariablemente ao lector. Teño para min Aprendiz de Homero como unha das achegas máis  convincentes á  reivindicación filosófica do cosmopolitismo como a ética da identidade nun mundo de estraños”.

Recibiu e está a recibir innumerables premios e recoñecementos, entre eles:

  • En 1996-1997 converteuse na a primeira muller, en 100 anos, en presidir a Academia Brasileira de Letras, no ano do seu I Centenario. Primeira muller en presidir unha Academia de Letras no mundo.
  • 1995: Premio Juan Rulfo de Literatura latinoamericana e do caribe. Primeira muller en recibilo. A laudatio foi feita por Carlos Fuentes.
  • 2003: XVII Premio Internacional Menéndez Pelayo. Primeiro autor de língua portuguesa e primeira muller que o recibe. A laudatio foi feita polo escritor Mário Vargas Llosa.
  • 2004: Premio Puterbaugh Fellow da Universidade de Oklahoma e da revista The World Literature Today (abril de 2004). Primeiro escritor brasileiro que o recibe, concedido anteriormente a Octavio Paz, Carlos Fuentes, Mario Vargas Llosa;
  • 2005:  Premio Príncipe de Astúrias – Letras. No que competía cos escritores norteamericanos Paul Auster e Philip Roth e o israelita Amos Oz.
  • 2012: foi nomeada Embaixadora hispanoamericana da cultura pola Secretaría Xeral Iberoamericana.
  • 2013: primeira muller e primeiro autor de língua portuguesa en recibir o premio Cátedra Enrique Iglesias outorgado polo Banco Interamericano de Desenvolvemento – BID, en Washington, USA.