Psicóloga-psicoanalista. Escritora

Milagros Díaz Martínez

Gondomar, 1954

Milagros integra a xeración de escritoras galego-porteñas que nos están a mostrar o significado da singularización de experiencias de transplante a un novo país, particularmente sentida na infancia. Comparte con elas nesa viaxe emocional, ademais da evocación da infancia e da Galicia da aldea que abandonaran de nenas (descrita xeralmente con imaxes de país rural atrasado, pobre, dominado polas privacións e no que está ben asentada a cultura da migración exterior), fronte a modernidade cegadora do mundo urbano porteño. Serán así mesmo protagonistas, como elas mesmas dan conta en cadansúa obra literaria, dun progreso social cimentado no seu esforzo e, nalgúns casos pero non en todos, no empeño familiar.

Nuns retrincos da súa vida, os máis deles extraídos do seu libro de 2015 Últimas miradas antes de partir, que ten o subtítulo ben significativo de “emigrada sin un solo juguete”, destacan os momentos da infancia e os da primeira adultez. Unha infancia que discorre en Galicia ata os seus oito anos. Corría o ano 1962 cando Milagros chega con esa idade a Bos Aires, nun barco da “Mala Real Inglesa”. O subtítulo da súa novela autobiográfica pon o acento na prohibición de viaxar coa boneca favorita de nome Lucy. Unha circunstancia que amplía o desacougo que lle produce todo o proceso de despedida dos avós, das outras nenas coas que comparte xogos e escola, dos lugares familiares…

Non coñecera antes ao seu proxenitor, que emigrara pouco antes de nacer a filla. Si mantivera con el unha incipiente correspondencia epistolar, moi vixiada pola nai que castigaba a súa dificultosa escritura. Conta ela que “ante cada palabra torcida o borroneada, me daba un tirón de orejas y rompía el papel.” Entende despois que a súa nai albergaba o temor de que o seu home dilatara e non concretara o reencontro familiar; persistía nela, como en tantas mulleres de homes emigrados, o medo ao abandono e a que o home refixera a súa vida formando outra familia alén mar.

Críase e estuda na cidade de Bos Aires. Ten que soportar inicialmente na escola as mofas que provocaba o seu sutaque galego e o seu descoñecemento do “modo de falar e acento porteño”. A añoranza do seu idealizado lugar de orixe, cunha natureza que lle aportaba seguridade e tranquilidade, contraponse a nivel emocional coa paisaxe da gran cidade porteña que lle imporá nun primeiro momento un sentimento de asfixia: “las puertas, las ventanas y las casas estaban pegadas unas a otras, casi sin aire, ni verdes… Esta ciudad tan llena de cemento, donde el cielo desaparecía, o sólo se contemplaba por retazos, entre cables y azoteas. .. un lugar llano, sin subidas ni bajadas” (2015, p. 172-173). Para Milagros, na súa rememorada nenez, non se contempla, como é habitual noutras escritoras coetáneas de orixe tamén galega, á cidade de acollida como un lugar de modernidade.

Relata noutros capítulos do libro a persecución política que sufrira nos seus tempos universitarios por asistir a una marcha contra o estado de sitio en 1974 en tempos da AAA (Alianza Anticomunista Argentina) —prendemento que por riba lle privaría de disfrutar da arelada visita dos seus avós á Arxentina.

Milagros é una escritora tardía. Os primeiros textos que integran esta novela que condensa boa parte da súa neñez e mocedade empezounos a escribir a inicios do 2009. Conta na entrevista que lle realiza Pablo Di Marco (no Especial para Libros & Letras) o 17 de xullo de 2015 que “el trabajo de armado y corrección comenzó en 2011 y lo realicé bajo la guía literaria de Cristina Feijóo. Fue un trabajo tan arduo y meticuloso como apasionado. Últimas miradas antes de partir se fue construyendo y definiendo durante todos estos años, y seguiría haciéndolo si no hubiera tomado la decisión de editarla a principios de 2015”.