“A pintura sáeme dramática e ademais quero que me saia así. As cousas con forza son as que fan vibrar”.
MERCEDES RUIBAL
Santo André de Xeve, Pontevedra, 1928 – Madrid, 2003
Mercedes Ruibal Argibay, Teté, naceu en Xeve (Pontevedra) no seno dunha familia sensible á arte á literatura e ao canto.
En 1956 trasládase á Arxentina, país no que se inicia na pintura da man de Laxeiro, residente daquela en Bos Aires. Coñecerá e conectará moi ben co ambiente cultural da capital arxentina do momento da man do seu irmán, o dramaturgo José Ruibal, exiliado na capital porteña, e asistirá á Escola de Belas Artes.
Nunha entrevista no xornal La Voz de Galicia (13 de xullo de 1973) ao ser preguntada pola maxisterio de Laxeiro responde: “Aínda que asistín, por libre, á Escola de Belas Artes de Bos Aires pode dicirse que foi el quen me ensinou”. Preguntada tamén pola súa evolución posterior engade: “Unha muller, ao ver unha das miñas exposicións, preguntoume por que, sendo eu tamén muller, non facía flores e outras cousas bonitas. A verdade é que esta é a pintura que me sae. Antes mesmo facía cousas monstruosas… Por que eses monstros? Os monstros sáenme. Eu son alegre, optimista. Non son cruel nin torturadora. A pintura, non obstante, sáeme dramática e ademais quero que me saia así. As cousas con forza son as que fan vibrar”.
Ao seu regreso a Galicia en 1957 expón en Vigo. Desenvolve a súa vida entre esta cidade e Madrid onde traballará un tempo como deseñadora de cerámica. Casa en 1959 co arquitecto e pintor Agustín Pérez Bellas.
En 1964 recibe o segundo premio Kramer na Bienal Hispanoamericana de Arte.
A comezos dos anos setenta vivirá uns anos en Roma e manterá estreito contacto con Rafael Alberti quen a describe “como cándida e dorida á vez, e tenramente tola”. O poeta gaditano escrebe diversos textos sobre a súa pintura, como o que se publica co título de “Mercedes Ruibal de los recuerdos” no catálogo da exposición Mercedes Ruibal, pintora (1967-1996) editado pola Xunta de Galicia en 1999. Rafael Alberti dedícalle tamén varios poemas, como o de título “Mercedes Ruibal, pintura en versos para cantar con gaita gallega”:
Ésta es Mercedes Ruibal de la risa,
ésta es Mercedes Ruibal del diablo.
La de la burla con aire de gaita,
La de los cuentos con patas de sátiro.
De la entrepierna le sale una escoba
Con la que vuela a la Luna a caballo.
Suelta sus ojos centellas de bruja
Trasgos y duendes despiden sus manos.
Tiene la audacia del agua que enfila
La desvergüenza desnuda de un cántaro.
Si te la encuentras de noche a deshora,
Ruega a la virgen y a todos los santos.
Puede enterrarte en el mar o en la tierra
Bajo las ondas del viento galaico.
Puede llevarte a un infierno de gracia
O a un cielo abierto de flores y pájaros.
No le preguntes jamás lo que nace
De los colores que acunan sus brazos.
Mira en silencio. La burla que ríe
Puede ser sombra ceñida de espanto,
Cuerpo presente de un mundo que pena,
Sangre amarrada de un ajusticiado,
Rostro de un niño que inmóvil aguarda
Suba la aurora de un sol en ocaso.
Ésta es Mercedes Ruibal en el ángel,
ésta es Mercedes Ruibal en el diablo.
Expón en Roma (1974), Florencia (1975) e Verona (1977). En Madrid expón nas galerías Biosca, Darro e Quijote.
Consideróuselle unha pintora expresionista e representante da nova figuración. Influenciada nos seus inicios bonaerenses por Laxeiro e por Georges Rouault, a súa obra pictórica reflicte unha mestura de tendencias abstractas e un realismo lírico, evocador e de raíz folclorista acorde coa súa natureza rebelde, decidida e de chispeante imaxinación que non oculta a crítica social e o seu compromiso político. Laxeiro debuxa como “unha pintora que pinta cando sente a tormenta en todo o seu territorio. O que debuxa e pinta Mercedes, sae do máis profundo do seu ser. De aí saca esta artista os seus bonecos, os seus animais soñados, cheos de vida, trementes por atoparse fronte aos seus visitantes, sen coñecerse antes”.
En 1993 o Concello de Vigo organizou unha completa retrospectiva da súa obra na Casa das Artes. En 1992 fora nomeada “viguesa distinguida”.
Como escritora publica en 1978 Confesiones de volatinera con bragas de repuesto al dorso (prosa), Madrid, Akal, 1978; Y mi voz es tu nombre (poesía), Sada (A Coruña), Ediciós do Castro, 1986.