icono_muller
Biografía
Imaxes
Ligazóns

Memoria viva do exilio

MARIVÍ VILLAVERDE (Mª Victoria Valenzuela)

Vilagarcía de Arousa, 1922- Ribadumia, Pontevedra, 2017

Mariví Villaverde foi ante todo unha narradora memorialista. Deu forma ás súas sucesivas vivencias do exilio en Tres tempos e unha esperanza (edición en galego de 2002), libro publicado inicialmente en Bos Aires, no ano 1962, con tapa de Luís Seoane, pola Federación de Sociedades Gallegas, co título de  Tres tiempos y la esperanza. O primeiro Tempo “comeza- en palabras de Mª Teresa León- coas súas imaxes pequenas, pois son do tamaño do seu corazón de nena”. Describe a súa infancia feliz a carón da súa familia, na que emerxe a figura do seu pais, Elixio Villaverde, primeiro alcalde republicano de Vilagarcía de Arousa e deputado a Cortes en 1936 por Izquierda Republicada. Con trece anos sentiu decapitada pola guerra, son as súas palabras,  a súa recente estreada mocidade. A familia marcha ao exilio francés en nadal do 36. Saen de Vigo con destino a Marsella, onde a agardaba o seu pai, nun cargueiro inglés e con pasaportes falsos. De Marsella trasládanse a París e finalmente a Bordeos. Nesa cidade coñecerá ao que, co tempo, habería de ser o seu home, Ramón de Valenzuela que relatará o seu encontro con Mariví na súa novela Era tempo de apandar.

A familia Villaverde embarca en outubro do ano 1939 no Massilia con destino a Bos Aires. Mariví tiña 16 anos. Por razóns políticas Ramón quedaba en Francia onde foi detido e despois entregado ás autoridades españolas. Xulgado e  condenado á morte lograría un indulto parcial, en liberdade vixiada en 1944, circunstancia que aproveita Mariví para reencontrarse con el no nadal de 1944 e casar aos dous meses en Vilagarcía. Instálanse en Noalla onde Ramón traballa nunha explotación de arxila da familia do seu sogro. Estes tempos representan para Mariví un auténtico exilio, como ela escrebe: ‘‘vivín case cinco anos naquela Galicia orfa de liberdade, de xustiza, de cultura. Chea, por outra banda, de represión, de fame, de angustia, de medo. Sentinme autenticamente exiliada por vez primeira’’. Mariví, como tanta xente que perderá a guerra esperaba, como ela conta que “cando rematara a guerra e gañaran os aliados que Franco non podía continuar. Cando voltei a fins do ano 1944 era como un adianto para que logo viñeran meus pais e familia. Nin podía imaxinar que todo ía seguir igual por tantos anos. Pasado o tempo veu a desilusión porque isto continuaba  e continuaba…As cousas cambiaban e Franco seguía’’.

No 1949 inicia o seu segundo exilio bonaerense acompañada do seu home. ‘‘Embarcamos no ‘Alcántara’- relata Mariví-, un barco inglés de pasaxeiros en 1949. Castelao morreu no 50 e nós chegamos tres meses antes, en outubro. Levabamos os dous pequenos, un de tres anos e outro de dous”.

En Arxentina permanecen ata 1966 desenvolvendo una intensa actividade política e cultural, vinculada á Federación de Sociedades Galegas e ao mundo dos exiliados galegos. Participan en representacións teatrais. Mariví Villaverde, colabora con Arturo Cuadrado no xornal Galicia e publica noutros xornais artigos con pseudónimo. Desenvolve a súa actividade como actriz ao lado do seu home e do seu fillo máis vello. É aquí en Bos Aires onde Mariví, co nome de Mª Victoria Valenzuela, publica as súas memorias. Precisamente no epílogo destas, na edición en galego de 2002, inclúe as vivencias do regreso á terra. A decisión de instalarse en Madrid por razóns de militancia no Partido Comunista, no que Mariví ingresara en 1962.

En Madrid, relata “daba aulas de francés naquelas academias nas que había que dedicarse a todo. Tiña que estudiar pola noite o que daba ao día seguinte, pero había que ter ingresos, comezar a facer algo. Daba clases nunha academia que estaba en Vallecas e para chegar a ela nin sequera estaba asfaltado. Ramón comezou a traballar nunha empresa que tiña representación do cristal de Bohemia pero non lle gustaba porque nunca lle interesou a cuestión comercial. Un día decidimos que eu levaría a representación e el centraríase nas clases e en escribir”.

Xa viúva continuou coa súa actividade como “memoria do exilio” como lle foi amplamente recoñecido.

Hai uns anos a Universidade Complutense publicou un volume colectivo co título Dos vidas y un exilio: Ramón de Valenzuela y María Victoria Villaverde.