Periodista, escritora, política

MARÍA XOSÉ PORTEIRO

Madrid, 1952

Aos catro anos de idade emigra cos seus pais, Ramona García e Xesús Porteiro, a Cuba. Embarcan en Vigo, o 3 de outubro de 1956, no transatlántico portugués Santa María. Tanto a familia paterna como a materna tiñan fortes vivencias na emigración cubana e arxentina.

A intención do pai non era a de ficar en Cuba; quería dar o salto a EE.UU e traballar na industria automobilística norteamericana, en Detroit dada a súa especialidade de mecánico industrial e a súa experiencia na fábrica de motores dos primeiros autos de factura española, os Seat 600. Plans que se truncarían polo trunfo da revolución liderada por Fidel Castro en 1959. Como lembra Mª Xosé “Desde que chegaran a situación era inestable e decidiran esperar a ver o transcurso dos acontecementos”. E se ben a nai, Ramona, inclinábase polo regreso a España, puideron máis as simpatías de Xesús co movemento revolucionario, o que lle levaría a incorporarse na nova etapa política con entusiasmo. Traballou Xesús no ministerio de Educación como profesor de tecnoloxía no Instituto Hermanos Gómez ás ordes do ministro Armando Hart e no de Industrias como técnico especialista matriceiro baixo a dirección do daquela ministro Ernesto Che Guevara. Nesa etapa pasou a formar parte das forzas armadas como artilleiro e miliciano.

A nenez de María Xosé foi de plena integración no país. Vivían nunha zona moi popular entre a Calzada del Cerro, o Estadio Latinoamericano de pelota (béisbol) e a que co tempo se denominaría Praza da Revolución. A mistura racial dos descendentes de africanos, chineses e españois era a tónica xeral na súa entorna e no contacto coa música, as costumes, as comidas, as celebracións ou os estudos, tiveron tanto peso as do lugar de acollida coma as das terras de orixe.

María Xosé estudou primaria e secundaria naqueles anos. Cando regresaron faltáballe medio curso para facer o preuniversitario e fora elixida para cursar a carreira de medicina. A volta resultoulle moi dura porque na súa familia non se contemplara este retorno e para ela supuxo un trauma de difícil superación. Os seus pais non lle dixeron as razóns dese cambio brusco e inesperado.

A vida deulles un xiro de 180 graos e no regreso a España decidiron instalarse en Vigo. Desde aquela, en 1966, ata hoxe, transcorreu alí a maior parte da vida de María Xosé que se sinte, e exerce, como viguesa e galega, sen poder esquecer xamais a pegada que deixaron nela a súa nenez e adolescencia cubanas.
Esa herdanza fica presente en parte da súa vida pública e está sempre presente na súa vida privada.

Sendo concelleira de cultura en Vigo a fins dos anos 80 promoveu un encontro cultural entre Cuba e Vigo con varias xornadas dedicadas á figura de Xosé Martí, a quen se lle dedicou un busto que segue instalado nos xardíns do porto de Vigo, obsequiado pola Casa das Américas da Habana, e foi o segundo dos instalados en Europa.

A emigración e as relacións internacionais foron unha constante nos seus intereses. Como deputada nas Cortes españolas foi poñente da lei do Estatuto da cidadanía española no exterior. Pouco despois foi nomeada primeira delegada da Xunta de Galicia no exterior con competencias para Arxentina e Uruguai. Nesta misión tivo que poñer en marcha a tramitación da petición de nacionalidade de descendentes de primeira e segunda xeración que a devandita lei permitiu, en estreita colaboración coas autoridades consulares españolas.
Na súa etapa compartida entre Arxentina e Uruguai comprendeu o auténtico significado da emigración para o pobo galego. A súa propia historia persoal saíalle ao paso en cada xuntanza, en cada entrevista, en cada celebración. Alí comprendeu que as persoas que emigran non se lles parte o corazón. Ben pola contra, multiplícaselles por dous.

Recentemente foi comisaria da exposición “O soño cubano da emigración galega” coa que se conmemorou en 2019 o cincocentos aniversario da fundación da cidade da Habana. Ese mesmo ano publicou a novela Sándalo (Ed. Galaxia) na que aborda douscentos anos de historia compartida entre Galicia e Cuba. Con esta novela, María Xosé fai as paces coa pegada que lle deixou a experiencia da migración, levando á ficción a historia da súa familia e o engarce que tivo coa Historia das dúas patrias.

Desde 2010 forma parte do consello reitor do Instituto Galego de Documentación Internacional.

En 2009 foille concedida a Encomenda ao Mérito Civil “pola súa aportación á política exterior española”.

Desde 2019 é adxunta da valedora do Pobo de Galicia.