icono_muller
Biografía
Traballos
Imaxes

Aristócrata e escritora feminista defensora das causas socias.

MARÍA VINYALS

Soutomaior 1875-Paris c. 1940-1944

Nacida no Castelo de Soutomaior, a súa relación con América iniciaa despois de casar en segundas nupcias co médico e sociológo cubano, natural de Matanzas, Enrique Lluria Despau (tamén previamente viúvo), home que mantén unha estreita relación con Giner de los Ríos, Unamuno ou Ramón y Cajal (do que foi discípulo), e con que se trasladará máis tarde, en torno a 1919, a Cuba. Sábese que en 1925  se mudaron da Habana a Cienfuegos onde Enrique Lluria abriu un consultorio, falecendo en  outubro dese mesmo ano. 

Dende as páxinas iniciais do libro da súa autoría dedicado á historia da fortaleza familiar (que asina como Marquesa de Ayerbe en 1904) fai patente a súa “amante” identificación con Soutomaior e Galicia e así o manifesta:

“Nacida en el Castillo mismo, habiendo crecido bajo los frondosos castaños de su parque, bautizada y casada en su capilla, y amante, como gallega, de mi terriña …”.

María de la Asunción Vinyals y Ferrés, Marquesa de Ayerbe, de Lierta e de Rubi, Condesa de San Clemente, sería tamén coñecida polas súas ideas progresistas como a “Marquesa Vermella”. Foi considerada en tempos recentes, cando a súa figura alcanza verdadeira relevancia pública, como a primeira feminista de Pontevedra e como unha “muller do porvir (D. Piay Augusto). A Deputación Provincial bautizou co seu nome a súa Escola de Igualdade.

A súa figura énos hoxe mellor coñecida grazas, entre outros aos traballos de Aurora Marco, M.ª Ángela Comesaña, Diego Piay Augusto, Silvia Cernadas e ao labor pioneiro de difusión de Anisia Miranda sobre a “paixón cubana” de Vinyals. De ascendencia catalá, a súa inicial vinculación con Soutomaior derivarase do matrimonio, en 1867, da súa tía paterna con Antonio de Aguilar Correa y Sotomayor, Marqués de Mos e de la Vega de Armijo. Como non tiveron descendencia, María, a sobriña de Zenobia Vinyals, sería como unha filla para os marqueses. Recibiu da familia unha educación exquisita, moi por riba do común para as xoves aristócratas do seu tempo. Faría así acopio dunha gran cultura e do dominio de linguas estranxeiras (francés, inglés, alemán e portugués). É coñecida a súa relación de amizade con Emilia Pardo Bazán e María Barbeito y Cerviño, e, con escritoras que se situaban daquela na avanzada en España da defensa dos dereitos das mulleres, como Carmen de Burgos. Ela mesma sería tamén unha firme defensora dos dereitos das mulleres.

Casa en 1896 con Juan Nepomuceno Jordán de Urries y Ruiz de Arana, marqués de Ayerbe. Desenvolve unha activa vida social e iniciase na actividade pictórica asistindo ás Exposicións Nacionais de Belas Artes dos anos 1890 e 1895. A pintura pasaría axiña, non obstante, a un segundo plano, relegada pola escritura e o activismo social.

A Real Academia Galega designouna en 1906 académica correspondente, sendo unha das primeiras mulleres en recibir este título.

Un ano antes publicara na revista Galicia de Buenos Aires o artigo “La influencia social de la mujer”, no que defende a educación e instrucción das mulleres. Na revista Galicia de Madrid publica en 1906 “El voto femenino”, tema sobre o que volvería en anos posteriores, como o fará, publicando co mesmo título outro artigo en La Correspondencia de Cienfuegos (Cuba).

En 1906, na inauguración do “Centro Ibero-Americano de Cultura femenino y Escuela de Madres de familia” – do que María Vinyals sería presidenta– pronunciou unha conferencia na que, entre outras valoracións, apostaba polo traballo das mulleres:

“Hoy día toma más cuerpo y más consistencia la cuestión femenina, la mujer pugna con más brío por romper los verdaderos obstáculos tradicionales que la mantienen en una condición que no marcha a la par con las libertades de que disfrutan los hombres ni con las exigencias que los adelantos de la ciencia imponen a la sociedad moderna. Su situación en nuestra sociedad es anormal, es arcaica. Modificada por completo la vida del ciudadano, la existencia de la mujer es, con escasa diferencia, la misma que hace siglos, y sí disfruta de algunas libertades más para salir o para viajar, son únicamente aplicables a sus diversiones y esparcimientos, que acrecientan y fomentan su frivolidad nativa, no aplicables al trabajo regenerador y vivificante, redención única y verdadera de nuestro sexo”.

Queda viúva en 1908 e ese mesmo ano herda tamén do seu tío, o marqués de Mos, o conxunto das súas propiedades. É neste ano cando Joaquín Sorolla realiza un retrato de María Vinyals do que só se conserva na actualidade unha fotografía (Silvia Cernadas). Casa co médico e sociólogo cubano Enrique Lluria Despau e trasládanse a vivir a Soutomaior cos seus cinco fillos. Alí, o matrimonio levantará en 1910 un sanatorio (no vello teatro de Soutomaior), o primeiro de Galicia na súa clase e adiantos médicos. Co tempo, a manifesta militancia política do seu director médico supuxo un forte contratrempo na xestión do sanatorio, que foi obxecto dun calculado boicot, o que remataría provocando a ruína familiar, a crise cos seus cinco fillos e a saída á venda do Castelo en 1917.

María Vinyals compartía militancia socialista co seu home. Ingresa na Agrupación Femenina Socialista, participa da constitución en Madrid (1919) da Unión de Mujeres Españolas, da que chegaría a ser vicepresidenta, da conferencias en Madrid e diversas cidades galegas sempre a prol da proxeción pública das mulleres e na defensa do recoñecemento dos seus dereitos como cidadás de pleno dereito. Asina os seus artigos ás veces como Marquesa de Ayerbe e noutras ocasións como María Lluria.

En torno a 1920 trasladase a Cuba co seu home. Establécense primeiro na Habana. Na illa caribeña publicará algúns textos literarios como “El gaitero de Ventosela” e “Una aventura… como hay muchas”, na Revista Social da Habana en 1921. E mantén as súas colaboracións en xornais e revistas españolas como El Imparcial, El Fígaro, Blanco y Negro, Galicia

Á morte de Lluria trasládase a EE.UU, onde vivían dous dos seus fillos e máis tarde viaxa a París onde ha morrer seica na máis absoluta miseria durante a ocupación alemá.