Médica, política, presidenta da “Fundación Paz, Mujer y Desarrollo”

Mª Teresa Puga Marín (Marité)

Redondela ca 1950

Sendo moi nena emigra cos seus pais primeiro á provincia do Chaco (no noreste da Arxentina). A familia establécese despois en Córdoba, importante urbe industrial a 647 quilómetros da capital do país, na chaira pampeana. Córdoba non destacara por atraer a un elevado número de migrantes galegos nas etapas de maior intensidade do fluxo migratorio pero si foi lugar de asentamento dunha salientable colonia constituída por emigrantes de Marín e da súa contorna.

Realiza os seus estudos na súa Córdoba de residencia familiar e despois tamén en Bos Aires. Médica de profesión (ciruxana especialista en xinecoloxía), a súa traxectoria social e política abrangue diferentes ámbitos; se ben todos presididos pola súa recoñecida humanidade e preocupación por atender as “verdaderas necesidades de la gente” como lle recoñeceu o Goberno de España, a través do cónsul en Córdoba, no acto de entrega a Marité da “Medalla del Mérito Civil” en 2016. Unha medalla que se outorga, como se especifica, a algunha personalidade distinguida que preste ou tiña prestado servizos relevantes ao Estado español, con traballos extraordinarios, proveitosas iniciativas ou con constancia exemplar no cumprimento dos seus deberes. Unha distinción que foi amplamente recollida pola prensa arxentina e galega.

Casada e nai de unha filla e dous fillos, María Teresa Puga é membro fundador da “Fundación Mujer, Paz y Desarrollo”, cuxa presidencia ocupa na actualidade; directora Executiva dos programas “SOS Mujer, violencia intrafamiliar y equidad de género: Medios de Comunicación y Violencia; Educación y Violencia. Salud y Violencia. Dirigentes Sociales y Violencia”. É Subsecretaria de “Discapacidad, Rehabilitación e Inclusión del Ministerio de Salud en la provincia de Córdoba”.

Marité Puga foi electa deputada provincial en dous períodos. Así mesmo, ten representado á Arxentina en congresos, convencións e conferencias internacionais celebradas en Beijing, en Nova York, Wasingthon D.C. e outras celebradas en España e Galicia. Tamén representou ao seu país de adopción ante a Cedaw ( Comité para a Eliminación da Discriminación contra as mulleres) e a ONU.

Creadora da Rede de Rehabilitación da provincia de Córdoba, con máis de vinte centros creados, que se suma a outras moitas actividades como a construción de redes sociais e en especial a atención prestada en todo momento á temática do rol das mulleres como protagonistas da vida laboral tanto pública como privada. Foi a creadora do corpo feminino de policías de tránsito municipal e participou coa Fundación Paz, Mujer y Desarrollo en programas de prevención de sida, fortalecemento de ONGs, entre outros, especializándose nos últimos tempos na prevención de violencia de xénero e violencia intrafamiliar.

Precisamente na cerimonia de entrega da medalla do Mérito Civil en 2016 por parte do goberno de España, destacouse por parte da autoridade consular: “Deseo destacar el apoyo decidido de María Teresa a las víctimas de violencia de género en toda la provincia de Córdoba, ella ha acercado este tema a la agenda del país, ha sabido darle un enfoque moderno y pluridisciplinario, ha trabajado desde diferentes ámbitos: la formación, el apoyo a la víctima, la concienciación, la faceta mediática. Se ha convertido en una luchadora comprometida con un tema que hace unos años no estaba en la agenda de nadie. Ella ha hecho su trabajo y, además, ha sido capaz de continuar con el proyecto cuando el apoyo financiero español cesó… consiguió que el socio local, en este caso el Gobierno de la Provincia de Córdoba, considere tan importante dicho proyecto como para asumirlo, seguir financiándolo y continuar con el mismo ya sin el apoyo de España”.

En decembro de 2020 conseguiu que se aprobara por unanimidade dos setenta lexisladores de Córdoba unha lei pioneira na atención inclusiva de persoas con discapacidade, despois de anos ocupándose destes asuntos. En decembro de 2023 foi galardoada polo Consejo de Médicos de la Provincia de Córdoba co premio á “Traxectoria profesional”.

Por motivos familiares e profesionais realiza frecuentes viaxes a Galicia e outros lugares de España. Como lle recoñecía á publicación Galicia en el Mundo (do 2 de xaneiro de 2021) “o sangue tira, e as raíces tiran”.