Profesora universitaria. Especialista en Historia de América

María Luisa Pazos Pazos

Olives (A Estrada) 1956

Nace no seno dunha familia de longa tradición migratoria a Cuba e EE.UU de América. Destinos que o groso da familia cambiaría por México despois da Segunda Guerra Mundial.

Con apenas cinco meses cumpridos, en decembro de 1956, trasládase coa súa nai, Josefina Pazos, a México DF (Distrito Federal). Realizan unha longa e accidentada viaxe en avión. No aeroporto agardábaas o seu pai, Francisco Pazos Besteiro, quen puido reclamalas grazas á política, daquela vixente, de reunificación familiar.

Ao dicir da súa filla, Francisco Pazos axudou decididamente a parentes e veciños no seu traslado a México, onde a pequena comunidade estradense, que se iría agrandando no decorrer deses anos, mostrou unha especial dedicación ao ramo da zapatería.

Antes da súa socialización no colexio mexicano, o entorno no que se desenvolve a súa infancia foi galego nunha gran parte, ao manter estreitos vínculos con outras familias estradenses asentadas tamén na capital mexicana. Segundo ía medrando, as súas vivencias na rúa e no colexio significaron a súa acaída integración no mundo e cultura mexicana, podendo “vivir con relativa liberdade entre un mundo e outro”.

Inicia en 1974 os estudos universitarios de Historia que leva a cabo nunha universidade privada da capital mexicana. A vida universitaria significaría para ela unha maior inmersión na realidade mexicana sen por iso desligarse do mundo familiar de orixe tanto na capital mexicana como en Galicia. As súas continuadas viaxes a Galicia sucederíanse nestes anos no período de vacacións estivais.

Rematados os estudos de licenciatura realiza traballos para o concello de México DF. A súa vocación de docente e investigadora afiánzase co seu traballo en institucións académicas como o INAH (Instituto Nacional de Antropología e Historia), a UNAM (Universidade Nacional Autónoma de México) e na Universidad Iberoamericana (la Ibero). Trasládase a España para emprender os seus estudos de doutoramento, que culmina na Universidade de Sevilla en 1997 coa presentación da súa investigación “El ayuntamiento de la ciudad de México en el siglo XVII”.

Desde 1999 é profesora e investigadora da Universidade de Santiago de Compostela na área de Historia de América. Compaxina no seu labor académico a súa especialización na etapa virreinal coa realización de traballos sobre temas migratorios, nos que presta especial atención ao seu concello de orixe.