icono_muller
Biografía
Imaxes

Perseverante loitadora en Cuba e Vigo

MARÍA ARAÚJO

Carril, 1904- La Habana 1989

Aos poucos anos do seu nacemento en Carril a familia de María Araúxo, de tradición laboral mariñeira, emigra a Cuba. Instálanse no barrio de Casablanca, na banda de enfrente da cidade da Habana, un lugar- como lembraba X. Neira Vilas- no que adoitaban residir os pescadores galegos  coas súas familias.

En Cuba María casa aos 16 anos co mugardés Anxo Carcaño tamén adicado ao mar e destacado sindicalista. Enseguida nacerían os seus primeiros fillos, Sebastián e Antonia. Afiliado Anxo Carcaño ao recén creado partido comunista cubano María iría tamén asumindo un crecente compromiso político en medio da cruel represión exercida pola ditadura de Machado. Esta circunstancia aconsella á familia o retorno a España. María faino co seu fillo e a súa filla no ano 1927. O seu home farao en 1932. A familia instálase en Vigo, no barrio do Calvario. En 1935 nacería alí a súa última filla, Dora.

Nesta cidade María traballaría de encargada nunha fábrica de conservas e Anxo enrolaríase nun buque de pesca. En cadanseu traballo asumen importantes representacións sindicais; María como delegada sindical da conserveira e Anxo como  secretario xeral do sindicato de mariñeiros de Vigo. Asemade ambos militan activamente no partido comunista de Vigo.

No momento do alzamento militar de xullo de 1936, tras un intento de resistencia no Calvario, axiña aniquilado polas tropas rebeldes, a parella fuxe ao monte nun primeiro momento baixando aos poucos meses a Vigo a colaborar na resistencia. Diversos avatares levarán a Anxo a ter que realizar durante dous anos traballos forzados ata que a intervención do cónsul cubano en Vigo consigue repatrialo a Cuba. Neste tempo María colabora como enlace da guerrilla. Detida en dúas ocasións conseguiría a liberdade pola intercesión do cónsul cubano.

Chamada polo seu home, en 1944 embarca co seu fillo e as súas dúas fillas no buque “Marqués de Comillas”. En Cuba afiliase ao Partido Socialista Popular(comunista) e participará activamente no movemento encabezado por Fidel Castro. Co triunfo da Revolución funda na súa casa o primeiro Comité de Defensa da Revolución do barrio mariñeiro de Casablanca. A súa longa traxectoria política foi recoñecida con distincións como a “Orden Ana Betancourt” que lle foi entregada por Fidel Castro, a “Medalla 23 de agosto”, pola Federación de Mulleres Cubanas e a “Medalla 28 de setembro” outorgada polos Comités de Defensa da Revolución.

Faleceu na Habana en decembro de 1989