Un silandeiro traballo de reconstrución cívica e familiar no exilio

MARGARITA BILBATÚA ZULBEDÍA

Vigo, 1901- Cidade de México

A vida de Margarita Bilbatúa Zubeldía cobra unha especial significación persoal e familiar co levantamento militar de 1936. Os catro irmáns Bilbatúa Zubeldía, de recoñecida militancia socialista, sufrirán en carnes propias o seu compromiso cívico e político. Fusilan aos tres varóns, xunto con outros destacados militantes socialistas, como os alcaldes de Vigo e Lavadores, o 27 de agosto de 1936 no cemiterio de Pereiró.

Margarita e a súa nai viven un tempo fuxidas. Despois, tras múltiples penalidades e pasar polos campos de concentración franceses, nai e filla exílianse en México, país ao que arriban o 26 de xuño de 1939 por Nuevo Laredo (Tamaulipas). Na ficha de entrada no país sinálase como profesión de Margarita: “Costureo, modista, xastre”.

Sabemos tamén por información do seu sobriño, o destacado documentalista Demetrio Bilbatúa, que Margarita “aprendeu a facer traxes de xastre de alta costura. Grazas a iso alugaron un cuartito en París” o que lles habería permitir sobrevivir un breve tempo en moi duras condicións.

Este oficio, que desenvolve amplamente en México, permítelle facerse cargo das necesidades da familia que quedara en Galicia.

En Vigo quedaran a viúva e os fillos de curta idade do seu irmán Demetrio, afamado fotógrafo vigués. Margarita conseguirá que os tres saian de Vigo, no Magallanes, e arriben a México en 1945. Os nenos Ángel e Demetrio desenvolverán en México unha moi importante carreira na industria audiovisual, obtendo importantes premios pola mesma.

Conta desde México o sobriño Demetrio Bilbatúa Rodríguez no seu libro Galicia-México: imaxe máxica, hai pouco publicado pola editorial Galaxia, que a súa tía Margarita “escribiu unha e mil veces que tiñamos que saír de España, fixo os trámites, pediu os permisos; sentía que en nosoutros estaban contidos os ideais dos seus tres irmáns mortos, a súa esperanza… a certeza de que o franquismo non ía poder derrotar ese futuro”.

Rememora tamén o sobriño Demetrio que en México consegue por Margarita unha bolsa de estudo no Colegio Madrid, que abrira a JARE (Junta de Auxilio a los Republicanos Españoles) en 1941 para preescolar e primaria. Despois pasaría a estudar noutra institución emblemática do ensino republicano como foi o Instituto Luís Vives que moi cedo fora fundado polo SERE ( Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles) en agosto de 1939.

O Concello de Vigo dispuxo en 2009 dar o nome de Margarita Bilbatúa Zubeldía a unha rúa da cidade.