Converteuse nun lugar común expresar a profunda e prolongada relación establecida entre Galicia e América; e  mesmo salientar a pervivencia entre as xentes do país galego da conciencia de América como algo próximo, encarnado dalgún xeito particular na súa propia historia.

Non é nova a relevancia de Pontevedra nesta vívida relación. Abonda con lembrar algúns fitos significativos, de moito antes de que se habilitase o porto de Vigo (en 1773) para o comercio directo con América ou de que o porto de Carril  e Vilagarcía ou nomeadamente Vigo  se convertesen en punto de saída obrigada para milleiros de emigrantes, ou, doutra volta, de reencontro coa terra. E isto centrándonos agora nas relacións marítimas;  non considerando, xa que logo, os traslados por terra, a través da fronteira lusa, para embarcar despois desde portos portugueses; e sen facer referencia igualmente ao transporte aéreo.

Lembremos ao respecto do primeiro que a Santa María, a nao capitana da primeira viaxe de Cristóbal Colón, foi chamada La Gallega pola súa construción en Pontevedra, como anota á altura de 1526 o primeiro cronista de Indias, Fernández de Oviedo. Volve sobre o mesmo, desta vez no século XVIII, un afervoado pontevedrés de corazón e seica de nacemento, como frei Martín Sarmiento:

“La carabela en que salió Colón se llamó La Gallega, según Oviedo, y era dedicada a Santa María, aludiendo a la Patrona de los de Pontevedra… Es mucho concurrir… que la Carabela de Colón se llamase La Gallega y se llamase y estuviese dedicada a santa María. Es mucho concurrir todo eso, digo, para que sea inverosímil, que la mejor nave, Argos Gallega o la Carabela en la cual montado Colón descubrió en su primer viaje el nuevo Mundo, había sido fabricada en el Arrabal o Pescadería de Pontevedra y que se dedicase a santa María La Grande (que así llaman) que es la Patrona de todos los marineros”.

Enseguida a  primeira noticia do descubrimento de novas terras terá eco pontevedrés  ao arribar, o 1 de marzo de 1493, ao porto de Baiona a carabela Pinta capitaneada por Pinzón. Tamén natural desta vila era Diego Gallego, un dos dezaoito homes que conseguen completar a circunnavegación da terra con J. S. Elcano (1519-1522).

Nas brumas da lenda acubíllanse as andanzas de Pedro Madruga (Pedro Álvarez de Soutomaior) por aquelas terras americanas acabadas de avistar por  ollos europeos. Son ben coñecidas polo demais as expedicións de pontevedreses na procura de novas posesións para a Coroa, accións na que se adianta Juan da Nova (para P. Landín de orixe pontevedresa) participando nas primeiras expedicións portuguesas no tránsito da última década do século XV e primeira do XVI… Avanzada esta última centuria repítense nomes como o de Pedro Sarmiento de Gamboa ou Gómez Fernández Catoira e nos primeiros anos do século XVII o dos irmáns , Bartolomé e Gonzalo, García de Nodal. No último tercio do século XVIII o lalinense Francisco Gil de Taboada y Lemos realizará varias expedicións polo Atlántico Sur, tomando posesión oficial das illas Malvinas das que sería gobernador  entre 1774 e 1779.

Cítanse arreo os nomes de vicerreis de orixe pontevedresa; así García Sarmiento de Sotomayor desempeña o cargo de Vicerrei da Nova España (1642-48) e o de Vicerrei do Perú (1648-55); José Sarmiento de Valladares conde de Moctezuma, Vicerrei de Nova España (1696-1701); cun rango inferior Fernando Suárez de Deza sería correxidor da capital novo hispana e despois gobernador de Nova Vizcaia…. Accedería ao cargo de Vicerrei de Nova Granada e vicerrei do Perú o que fora con anterioridade gobernador das Malvinas, Francisco Gil de Taboada y Lemos (que sería tamén ministro de Mariña no reinado de Carlos IV).

A escolma de nomes anteriores non esgota a relación de homes destacados na exploración, conquista, evanxelización ou goberno de territorios que foron integrando o vasto imperio español. Non cabe, seica, preguntarse por mulleres enroladas nas expedicións aínda que si sabemos da súa frecuente, aínda que escasa en número, integración nas mesmas. Tan só unha muller, Isabel Barreto (1567-1612), e como caso excepcional, ha merecer o honor de figurar como “Primeira e única muller almirante da armada española”.

Hoxe sábese, aínda que fique  nas sombras da historia, que a finais do século XVI unha cuarta parte do fluxo español a Indias, conformado por xente que busca establecerse como colonos, e non para fornecer as escalas máis baixas da administración colonial,  era feminino. Sen que poidamos establecer o seu número e procedencia concreta, hai constancia no Arquivo de Indias de Sevilla de saídas de xente, homes e mulleres, orixinarios de Galicia, ben individualmente ou en grupo, cara o Novo Mundo. Non serían os únicos asentamentos de familias galegas dos que se ten noticia. L. López Canedo fai referencia a “por lo menos cincuenta y cinco familias gallegas” xa asentadas na cidade de México en 1689. Pequenos datos si pero que teñen o valor de advertir da continuada presencia das mulleres galegas nos movementos migratorios.

Por iso sorprende aínda en maior medida que desde o momento en que se empeza a configurar en Galicia unha corrente migratoria, popular, cara o continente americano (da que hai constancia para finais do século XVII e na primeira metade do século XVIII) se ignore a incorporación,  participación e implicación das mulleres dentro da mesma. Cando ademais a Coroa estaba a alentar as “expedicións de familias”, como reflicte unha Real Cédula de 1725 (que en Galicia non tería eco algún) e o proxecto de maior envergadura (mobilizaría a un total de 2028 persoas das que só un 25 por cento eran galegas, reducíndose a participación pontevedresa a un 8,5 por cento) que puxo en marcha unha Real Orde de 1778  que propiciaría diversas expedicións entre este último ano e 1784.

O carácter de emigración familiar, que parecería abrir a porta á mellor constatación da presencia das mulleres na mesma, terminou por afondar máis  na súa exclusión documental por mor da representación exercida polos varóns no eido familiar.

Co decorrer do tempo as xeralmente denominadas estatísticas de emigración contabilizarán as mulleres que viaxan soas, “con billete de terceira clase”, xa sexa na súa condición de solteiras (sobre as que, polo regular, ha  pesar un forte estigma moral) ou de viúvas pero non sucede o mesmo no caso das que se desprazan “en familia”.

A case xeral exclusión estatística das mulleres nos desprazamentos familiares responde tamén á non valoración do traballo produtivo e reprodutivo que elas desempeñan na casa que, como ben sabemos, estende  o seu significado ao conxunto da explotación familiar. Non se lles considera “suxeitos migratorios” e menos aínda se lles recoñeceu, ata tempos ben recentes, a súa implicación na emigración a aquelas que permanecen na casa familiar como mantedoras das formas de vida “de sempre”, á falta do esposo ou pai e irmáns ausentes na emigración. Unha realidade, esta última, que sen embargo non escapa ao ollo atento de contemporáneos xa no século XVIII, como foi o caso de persoeiros da Ilustración galega como Sarmiento, Caamaño e Pardo ou Labrada. E menos escapa un século máis tarde a escritoras da talla dunha Rosalía de Castro ou dunha Emilia Pardo Bazán. Pero estas mulleres que fican sofren, sen protagonismo directo, a emigración na medida en que asumen nas explotacións familiares, ademais do seu propio e ancestral traballo, o desempeñado polos varóns ausentes. Son elas as coñecidas como viúvas de vivos na publicística do século XIX e que reivindica Rosalía de Castro no coñecido poema “¡Pra a Habana!”:

    “Este vaise i aquel vaise,

    e todos, todos se van.

    Galicia, sin homes quedas

    que te poidan traballar.

    Tes, en cambio, orfos e orfas

    e campos de soledad,

    e nais que non ten fillos

    e fillos que non ten pais.

    E tes corazóns que sufren

    longas ausencias mortás,

    viudas de vivos e mortos

que ninguén consolará”

Unha vez máis a creación literaria da conta de realidades  que escapan a miradas condicionadas por atavismos que negaron ás mulleres como “facedoras da historia”. É agora J.M. Pintos quen se fai eco da presencia de migrantes pontevedresas en Montevideo nuns fragmentos de A Gaita Gallega (de título tan amplo como A Gaita Gallega tocada polo gaiteiro, ou sea Carta de Cristus para ir deprendendo a ler, escribir e falar ben a lengua gallega e aínda máis ), libro publicado en 1853:

  “Carta de Montevideo

    Miña querida Catuxa,

    recibín polo correo

    a carta que me mandaches,

    e me dou muito contento

    por saber que a túa hucha

    inda ten noviño o fecho

    e que non ten outra chave

    máis que a que eu truien e teño

   

    Había, pois, no peirao

    un valente reximento

    de nenos, homes, mulleres,

    caladiños cal cordeiros

    …

    Lucía, a roxa da Esculca,

    con Sabeliña de Hermelo;

    Andrea Cachada, a torta,

    Catriña a filla do Cego,

    Margarida de Beluso

    e Caiota de Bueu,

    que direita como un fuso

    baila o fandango do ceo,

    con outros das catro esquinas

    de todo o noso terreo,

    ¡tristes fitando no barco

    e camino que truieron!

    Non me fartei de abrazalos

    e ofrecerlles o que teño,

    pero estábanche tan mornos

    como o boi no matadeiro”

A contemplación da nosa historia migratoria, hoxe moito mellor coñecida, revela en que medida o sistema de xénero vixente fora condicionando a visión dun fenómeno tan complexo como o da relación mulleres/emigración. O que explica que tampouco se incluíran xeralmente explicacións que axudaran a entender o maior  número de varóns que se desprazan a América desde Galicia, e aquí cómpre salientar o adianto dunha provincia atlántica como Pontevedra neste tipo de desprazamentos cando está documentado o seu progresivo peso, como ámbito de procedencia, dos fluxos galegos que se dirixen a Bos Aires ao longo da década de 1850.  Nin se salientou dabondo o papel das mulleres na conservación da memoria viva da emigración a través da nutrida correspondencia epistolar que se conserva a un e  outro lado do Atlántico. Vai sendo mellor coñecida a incorporación das mulleres no movemento asociativo  e os pasos andados desde a súa mera consideración nas “comisións de damas” aos cativos pero significativos logros que protagonizan as mulleres do Val Miñor en Uruguai, por citar un só exemplo, involucradas nas iniciativas de intervención escolar, na terra de orixe, vencelladas ás actuacións emprendidas pola “Unión Hispano-Americana del Valle Miñor”  en Bos Aires nas primeiras décadas do pasado século. Moito sería o camiño a recorrer ata que en tempos máis atuais as mulleres accederan a postos directivos dentro do asociacionismo da emigración, como ben fica representado por unha das trece mulleres desta mostra.

Os recontos estatísticos, en momento algún asépticos e alleos a consideracións de xénero, reforzaron, antes e aínda en tempos máis recentes, o arquetipo de emigrante varón forxado nos primeiros tempos da emigración americana.

Un estereotipo de migrante varón que se manifesta arreo no caso do exilio republicano, ben a pesar de que os desprazamentos dun alto número de grupos familiares españois elevaron a representación das mulleres ata un corenta por cento da poboación exiliada adulta. Tratouse realmente de mulleres e homes anónimos, a carón de personalidades políticas, intelectuais, artistas… (con exemplos sobrados na provincia pontevedresa) os que deron forma á voz plural, multilingüe  e complexa do exilio, na que se percibe o eco dun sentimento de identidade fragmentada, de non acaída pertenza a un espazo, de forzada adaptación a países e costumes alleas nun primeiro momento, vivencias que ben reflicten a vida das mulleres exiliadas que aquí se presentan.

Longas tradicións migratorias, desprazamentos forzados por as causas políticas que empurraron ao exilio, os retornos acaecidos en todo momento e as compartidas experiencias, culturais e de vida no seu amplo sentido, forxadas a un lado e outro do Atlántico viñeron alimentando os vencellos entre Pontevedra e América ao longo dos tempos, nutridos ademais pola experiencia, as máis das veces, compartida por mulleres e homes. Unha visión en feminino deste feito transcendental segue a precisar de achegas múltiples, das que aquí agora se presenta unha pequena mostra, pero non sen antes salientar que ese  vínculo entre Pontevedra e América se expresa tamén hoxe a través do elevado número de residentes  que o PERE (Padrón de españois residentes no estranxeiro) relaciona coa provincia de Pontevedra. Coa particularidade engadida de que do total de 153.474 rexistros, 118.749 corresponden ao continente americano e dentro deste colectivo a representación das mulleres alcanza máis do 51 por cento; dándose a circunstancia de que supera o 77 por cento a porcentaxe de mulleres non nacidas xa en terras pontevedresas.

Son números que obrigan a pensar na perspectiva do retorno dada a relevancia que están a rexistrar os mesmos e sen esquecer tamén que eses números totais inclúen os desprazamentos de mulleres expatriadas, é dicir, con traslados temporais, a América neste caso particular, por razóns de traballos altamente cualificados ou de estudos. A súa vez dentro do colectivo inmigrante con orixe americana a porcentaxe de mulleres supera o 63 por cento.

Máis alá da ensinanza que a evocación de todo vida humana significa de seu, a elección das trece mulleres desta mostra que presentamos responde ao propósito de mostralas en diversos quefaceres que se desenvolven en ámbitos públicos, xa sexa por opción persoal ou por decisións forzadas que lles obrigaron a traspasar os lindeiros do seu traballo no fogar.

Este proxecto foi desenvolvido pola Cátedra Iberoamericana da Universidade de Santiago de Compostela ao abeiro do Convenio asinado entre a Deputación Provincial de Pontevedra e a Universidade de Santiago de Compostela.

Equipo de traballo

María Xosé Rodríguez Galdo

María Cadaval Sampedro

Antón Dopico Rodríguez

Documentalista

Manuel Veiga Cainzos

Deseño e programación web

Vanesa Ojea Barrio