icono_muller
Biografía
Obras musicais
Imaxes

“O meu traballo é unha forma de homenaxear o encontro das culturas galega e arxentina, froito da epopea colectiva que significou a emigración”.

LORENA LORES

Bos Aires c.1968

Cantante arxentina-galega, nacida en Bos Aires con ascendentes galegos directos. Tanto o seu pai, Francisco Lores Mascato (1934-2017), como a súa nai, María Dolores Doural Rodríguez (c.1942), naceran en O Grove. Dáse a circunstancia de que ambos chegan á República Arxentina no mesmo barco, o Entrerrios, en 1952, coñecéndose posteriormente   nas actividades das asociacións galegas;  casarían en 1962. 

Lorena Lores dende moi nena vinculouse á  Federación de Asociaciones Gallegas de la Argentina (FAGRA), converténdose en 2018 na súa secretaria xeral.

Gústalle dicir que como cantante triunfa nas “dúas beiras”.  A fusión de saberes e paixóns musicais acompañouna dende moi nena, como ela relata na entrevista que en 2020 lle fixo L. Pérez Leira. “ Como a maioría das familias galegas- dicía-, nas nosas casas e nas institucións da colectividade, a música e as danzas tradicionais eran unha parte moi importante das nosas vidas. Nos nosos cantos e bailes sintetizábase toda a nosa morriña. O meu pai, Francisco Lores, era un admirador de Carlos Gardel e do tango. Era un galego moi porteño. Desde nena fun aprendendo aquelas cancións urbanas que falaban do amor e da melancolía. Así naceu a miña paixón polo canto e polo tango, aínda que no meu repertorio combino temas arxentinos coa música tradicional galega”.

A súa carreira musical que arranca nos inicios dos anos 90 en Bos Aires desenvolverase nas “dúas beiras”, expresión que da nome a un dos seus discos máis coñecidos. Residiu un tempo en Vigo, tendo as súas actuacións un gran eco na prensa e colaborando activamente na creación da “Asociación de arxentinos no exterior”.  Como ela expresaba en 2020  “a música permíteme ese ida e volta. Levo tres anos novamente na Arxentina, despois de moito tempo en Galicia. Estou a preparar a miña próxima xira por Galicia, no último trimestre deste ano. Tango, gaita e morriña porteña serán parte do meu actualizado espectáculo”.

En febreiro de 2022 estrena en Bos Aires a obra teatral “Lejano resplandor de luna”, coprotagonizada por Lorena que tamén é coautora da obra na que se conta a historia real dunha galega exiliada en Francia, que participa na liberación de París no verán de 1944 e que despois emigra a Arxentina.

Destaca na vida de Lorena Lores o seu activismo asociativo na Federación de Asociaciones Gallegas, que ela considera como unha condición natural: “Os meus pais coñecéronse nesta institución bailando e eu crieime xunto aos meus irmáns neste templo da galeguidade. O meu pai ‘Paco’ Lores, sendo moi nena, presentoume ás grandes figuras do exilio como Luís Seoane ou Arturo Cadrado. Nese ambiente formeime, adoptando para sempre dúas patrias, dúas linguas, dúas culturas”.