Unha referencia científica de proxección internacional no mundo da biblioteconomía
JOSEFA EMILIA SABOR
Vilanova de Arousa, 1916- Buenos Aires 2012
Con apenas dous anos Pepita Sabor viaxa co seu pai Francisco Sabor e a súa nai Carmen Riera a Arxentina. A familia instálase en Bos Aires . Ela nacionalizarase arxentina en 1937.
Especializouse en historia e biblioteconomía na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Bos Aires (UBA). Obtivo unha bolsa da UNESCO e da oficina Iberoamericana de Educación para estudar Documentación en España, Francia, Italia e Brasil. Tamén recibiu outra bolsa do Departamento de Educación e Cultura de EEUU para estudar as técnicas de ensino para bibliotecarios en dez universidades norteamericanas.
Forma parte da chamada “xeración do 40”, que afrontou a modernización da bibliotecoloxía arxentina. Interesada na formación profesional do persoal titular das bibliotecas, desempeña en varias oportunidades, 1955-1970, a dirección da Licenciatura en Bibliotecoloxía e Documentación da UBA, formulando novos plans e elevando os estudos ao mesmo nivel das demais carreiras universitarias. En 1967 funda o Instituto de Investigaciones Bibliotecológicas, primeiro en América Latina, poñendo en marcha un amplo plan de investigación e varias series de publicacións. Actúa como experta de OEA e UNESCO en distintos países iberoamericanos, entre 1952 e 1977. Entre 1956-1972 é membro representante de América Latina do Comité Consultivo Internacional de Bibliografía, Documentación e Terminoloxía da UNESCO, en París.
Pertenceu o Consello Nacional de Investigacións Científicas e Técnicas da Arxentina (COINICET), 1983-1985, como investigadora formada.
A súa produción bibliográfica é extensa, destacándose entre as súas obras as tres edicións do Manual de fuentes de información, 1957-, 1967, 1978; Manual de bibliotecología, con numerosas edicións entre 1951-1984; Métodos de enseñanza de la bibliotecología, 1968; Pedro de Angelis y los orígenes de la bibliografía argentina, 1995 (primeiro Premio Academia Nacional de la Historia, 1991-1992. Obra pola que en 2004 recibe o Primer Premio Nacional de Historia y Arqueología, Producción 1994/1997.
É de salientar a producción de outras obras como:
- Manual de Bibliotecología con varios autores escrita en 1951.
- Manual de Fuentes de Información en 1957.
- Bibliografía Básica de Obras de Referencia de Artes y Letras para la Argentina. 1969.
- Métodos para enseñar Biblioteconomía. 1969.
- Las normas y conclusiones de Medellín y la formación de bibliotecarios en América Latina. 1974.
- El Plan Bibliotecario a través de los Congresos y Reuniones celebradas en América Latina. 1974.
- Desenvolvimiento del Plan Bibliotecario en América Latina. 1975.
Mantivo una estreita relación cos máis destacados persoeiros da colectividade galega como Castelao, Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Otero Espasandín ou Arturo Cuadrado. Alentado por ela o poeta arxentino Eduardo Jorge Bosco, sen ser galego escribe neste idioma Sete cancións, poemario que X. Alonso Montero, na reprodución que realizará moi posteriormente e no que engade “fotografías e cartas da musa deste fermoso poemario”, considera un acto “de entrega á paixón inspirada por Pepita Sabor”.