ISAURA ABELAIRAS RODRÍGUEZ

TABOADA, LUGO, 1951 – VIGO, 2021

En referencia a ela mesma dicía Isaura que “Era unha política incorrecta coa ilusión da nena que sae da aldea para estudar”. E é que a vida desta mestra e activa e entusiasta política, luguesa de nacemento, desenvolvese fundamentalmente en Vigo. Nesta cidade, á que chega en 1977, foi primeiro profesora e directora do Colexio (CEIP) Emilia Pardo Bazán ata 2007. Antes impartira clases no colexio Sello de Cabral, e logo na escola unitaria de Tomás Alonso e no Chouzo.

Entra no concello de Vigo como concelleira en 1999 onde permanece ata 2003.

Regresa á vida municipal en 2007 con Abel Caballero como alcalde, co que continuará, desempeñando diversos postos de concelleira, ata 2019. Tamén entre 2015 e 2019 sería deputada provincial da Deputación de Pontevedra con Carmela Silva como presidenta, institución na que deu un forte pulo á área de Igualdade.

Ingresa como deputada no Parlamento de Galicia no ano 2020 sendo a portavoz de Emigración e Retorno do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia. No momento da súa morte, tan só un ano despois de tomar posesión da súa acta de deputada de Galicia, o Parlamento de Galicia e o Concello de Vigo decretan loito oficial. O alcalde definiría daquela a Isaura “Como unha gran muller, unha muller excepcional, unha gran viguesa que funcionaba desde o corazón impulsándonos ao social, á educación… A memoria de Isaura permanece para sempre nesta cidade. Era imposible parala coa forza que lle dedicaba á política”

En xuño de 2022 alcalde e presidenta da Deputación descubrirían unha placa na Praia de Alcabre na que se lee: “En memoria de Isaura Abelairas. Mestra, política e feminista, que tantos paseos deu por esta praia e tantas veces se sentou aquí a pensar… Estás sempre no noso corazón, só a un pensamento de distancia. Infinita Isaura. 1951-2021”.

Isaura acubillaba de sempre unha paixón cubana que iniciara a emigración en solitario á illa caribeña da súa avoa Carmen. Cando esta marcha, atrás deixaba á súa filla Ángela de moi curta idade que, por diversas circunstancias, nunca se había reunir coa nai. Un empeño, e ata unha misión tal como a viviu Isaura, de unir os destinos familiares en Galicia e Cuba que, por opción propia, buscada e querida, sería quen Isaura (a filla de Ángela) de recompoñer “Con esa capacidade innata que tiña a miña nai- escrebe a súa filla, Xela Rodríguez Abelairas- para crear e conservar relacións de corazón”. Apunta a filla que dicía Isaura que «A historia da nosa familia galego-cubana podería escribirse coas cartas e as postais que gardamos na casa».

Coidaría das súas tías de Cuba. Recorda a filla que “A necesidade era grande e desde aquí facíase todo o que se podía para axudar. E durante anos primos, amigos, coñecidos de Cuba e ata Compay Segundo pasaron polo noso salón”.

Isaura foi unha das creadoras do festival “Para Vigo me voy” no que precisamente actuaría no seu primeiro ano o gran músico cubano Compay Segundo.

No dicir da súa filla Xela “O sorriso de mamá sempre se iluminaba cando Cuba aparecía na conversación”.