icono_muller
Biografía
Imaxes

A resiliencia dunha nai de familia numerosa no exilio

ISABEL GÓMEZ COSTAS

Redondela 1889-México d.f. 1971

Isabel Gómez Costas, viúva  do médico e político redondelán Telmo Bernárdez Santomé. Nai de catro fillas e cinco fillos.

A dor pola violenta morte do seu home, fusilado na Caeira (Pontevedra) no outono de 1936, súmase a prisión dos seus dous fillos máis vellos e a fuxida da súa filla Isabel, depurada como os seus irmáns do seu traballo de mestres. A familia estivo moi perseguida en todo momento, privada de bens e da casa familiar que lles foran incautados polas autoridades rebeldes. Estas circunstancias imporanlle un duro periplo que a levará, con catro fillas (a máis vella, Isabel, tamén chamada Bela, unha mestra de vinte anos; e a máis nova, Carmela, de sete, e  dous fillos), de Redondela a Oporto, Burdeos e París. Na capital francesa a familia ha residir preto de dous anos ata que a entrada dos nazis en París (xuño de 1940) lles urxa a buscar pasaxe para México.

Dende a marcha forzada de Redondela tardaría dous anos ata reunirse en México co seu fillo Jesús chegado na expedición do buque Ipanema en xullo de 1939.

No libro Galegos en México, pasado e presente (publicado en 2004) deixase constancia da viaxe no buque De Grasse de Isabel Gómez Costas e familia (Isabel, María, Rita, Carmen, José e Pedro). A todas as persoas exiliadas arribadas ao porto de  Nova York no De Grasse (en total 206) as autoridades estadounidenses meteronnas nun tren, en vagóns selados, ata a fronteira de Nuevo Laredo. Unha vez en solo mexicano continuarían viaxe ata ao Distrito Federal nun autobús que tiña por nome “El Águila Roja”. Na cidade de México agardábaos Jesús Bernárdez Gómez, mentres que os outros irmáns Bernárdez, Basilio e Telmo, reuniríanse coa familia avanzada a década dos corenta despois dunha longa estancia no Uruguai do primeiro e o segundo tras pasar polo cárcere en España e permanecer refuxiado varios anos en Portugal.

Isabel Gómez vive máis de trinta anos en México. Pouco se sabe da súa vida no país de acollida agás as testemuñas familiares da súa continua preocupación por sacar á familia adiante e facilitarlles o acceso a estudos superiores. Para conseguilo chegou a converter a súa casa nun auténtico obradoiro téxtil no que tamén traballaban as súas fillas Isabel, Rita, María e Carmen.  Como así o facían moitas mulleres republicanas, de toda condición social. Está documentado que a viúva de Manuel Azaña, Dolores Rivas Chérif, “reuníase coas súas amigas a facer luvas de gancho para despois vendelas aos Grandes Almacenes do Palacio del Hierro”.

En México, as fillas de Isabel Gómez, Carmen e Rita, licenciaríanse en Ciencias Químicas e o seu fillo Jesús en Medicina.

O conxunto dos membros da familia Bernárdez Gómez participaron moi activamente en diversos eidos da vida mexicana e mantivéronse na defensa dos ideais republicanos que os forzaran ao exilio.