
ISABEL BARRETO
Pontevedra, 1567- Castrovirreyna (Perú) 1612

Se por tempo á vida de Isabel Barreto sepultouna o esquecemento, nos últimos decenios está a cobrar nova vida en historias e relatos de múltiples autorías. Ben dicía Álvaro Cunqueiro, como parece de aplicación a Isabel Barreto, que “moitas das cousas que están enterradas non están mortas”.
Discútese se Pontevedra foi o seu lugar de nacemento, con aporte de documentos a favor da súa orixe pontevedresa en lidia con outros que buscan establecer a súa orixe limeña. A figura de Isabel arrodease así dun certo misterio que se estende ata o do seu retrato que non parece corresponderse ao orixinal.
O seu paí ( Nuño Rodríguez Barreto), casado con Mariana de Castro era un próspero comerciante asentado en Pontevedra, de familia orixinaria de Madeira. Negocios que en 1585 levan á familia a instalarse no Virreinato de Perú , pola súa estreita relación co que chegaría a ser vicerrei García Furtado de Mendoza.
Con 19 anos, en 1586, Isabel casa co Adelantado Álvaro de Mendaña e Neira, galego berciano nacido en Congosto en 1542. Daquela Mendaña xa descubrira ás Illas Salomón comandando a expedición que saira en 1567. Logo de múltiples avatares o Adelantado “de las islas de Poniente” xuntamente coa súa muller Isabel Barreto saen, en 1595, do porto de Paita (Virreinato do Perú) rumbo ás Salomón ao fronte dunha flota (dúas naves, un galeote e unha fragata) que levan embarcadas a un total de 378 persoas, entre as que se contan algunhas mulleres e crianzas así como tres irmáns de Isabel. Na ruta cara ás Salomón topan co archipielago que bautizan como Marquesas, arriban despois ás illas San Bernardo (Danger na atualidade) e outras. A contribución desta expedición é notable para que o máis grande dos océanos se convertera no chamado ata moi avanzado o século XVIII como “lago español”.
Ao perder a nave capitana desembarcan en Santa Cruz (Nendo hoxe), tentando cortar a epidemia que empezaba a diezmar á tripulación. Alí Mendaña sucumbe vítima do andazo, en outubro de 1595, despois de ditar testamento no que nomeaba a súa muller Isabel Barreto adelantada e gobernadora das illas descubertas mentres que o posto de capitán xeral é para Lorenzo Barreto aínda que por moi breve tempo pois morre dun frechazo poucos días despois. Isabel asumirá tamén a capitanía xeral da flota.
A decisión é embarcar, e despois dunha primeira tentativa fracasada por chegar ás Salomón Isabel Barreto pon proa cara Manila. A epidemia, con todo, negábase a abandonar aos exploradores, o que ocasiona a perda das dúas naves. Tras percorrer as Carolinas orientais ( Ponape) e as marianenses de Rota e Guam, a San Jerónimo e a Santa Isabel chegan á costa filipina, fondeando na baía de Manila o 11 de febreiro de 1596. Nesta cidade Isabel Barreto volverá contraer matrimonio, en maio dese mesmo ano, con Fernando de Castro, natural de As Nogais (Lugo) cabaleiro da orde relixiosa de Santiago e sobriño do gobernador e capitán xeral das Filipinas, o tamén galego Gómez Pérez das Mariñas Ribadeneira. O matrimonio emprende viaxe de retorno e arriba a Acapulco, para establecerse posteriormente en Perú, onde Fernando de Castro foi gobernador e xustiza maior de Castrovirreina.
Os avatares da segunda expedición de Mendaña convertéronse en material literario pois constitúen o motivo central da novela de Robert Graves As illas da Imprudencia, publicado orixinalmente en 1949 e que foi traducida ao castelán en 1995.
A almirante regresou a España co seu home, con quen supostamente tivo un fillo, ao redor de 1607. Barreto morre en Perú en 1612.