icono_muller
Biografía
Traballos
Imaxes

elevou a cerámica do torno cara ao escultórico en busca dos límites expresivos da materia

ELENA COLMEIRO

Silleda, 1932- Madrid 2021

Con nove anos chega a Bos Aires  (1941) coa súa nai e irmáns para reunirse co seu pai, o pintor Manuel Colmeiro, exiliado naquela cidade porteña dende 1936.

Iniciaríase como ceramista con apenas quince anos. Ingresa en 1948 na Escuela Nacional de Cerámica conseguindo moi axiña o primeiro premio no Salón Anual de Artes plásticas. No ano 1954 realiza a súa primeira exposición na Galería Müller de Bos Aires. Antes, mentres estudaba, traballara coloreando vaixelas en varias fábricas.

Regresa a Galicia en 1955 e no 1956 expón a súa obra na Sala Fraga de Vigo.

En 1960 expón na Galería Jorge Juan de Madrid e en 1962 no Ateneo, o que fala da ampla proxección que acadara xa a súa obra e que se reforzará coa concesión en 1964 da Beca da Fundación Juan March e ao ser seleccionada en 1965 para a exposición itinerante dez artistas españois en Francia.

En 1966 recibe o primeiro premio da Bienal de Uruguai e en 1967 a medalla de ouro na Exposición internacional de Faenza. No 1968 obtén una bolsa de viaxe para o Mill College de Oakland en San Francisco.

En 1970 a Dirección General de Bellas Artes organiza unha retrospectiva sobre a súa obra.

En 1990-1991 realiza unha estancia no European Ceramics Work Centre de Holanda.

Despois vivirá e traballará fundamentalmente en Madrid intercalando estancias en Galicia e investigacións na Fábrica de Sargadelos.

Elena Colmeiro iniciarase no eido da cerámica utilitaria para, de paseniño, tender cara unha valoración do interior das formas o que lle achega ás propostas informalistas das artes plásticas. Compaxina obras de gran tamaño con outras de pequeno formato.

Nos anos oitenta reafirmase como escultora, destacando o seu traballo con diversos fragmentos de placas, introducindo o ferro e a madeira que trata en estruturas xeométricas simples. Incorpora tamén o carburo de silicio o que lle permite realizar obras orgánicas ou construtivas. A produción dos seus últimos anos destaca pola inestabilidade das pezas que parecen desafiar a gravidade.

A súa obra atópase no Museo de Cerámica (Barcelona); Museo de Cerámica González Martí; Parlamento de Galicia; no hoxe desaparecido Macuf (A Coruña); Museo de Pontevedra; Universidade de Santiago de Compostela;Fundación Museo Salvador Victoria (Rábielos de Mora, Teruel); Museo Quiñones de León (Vigo); Colección de Arte Afundación ; Autopista do Atlántico; Museo Ariane (Xenebra); Escuela de Arte (Edimburgo); Keramion Museum (Frechen, Alemaña), e Prefactural Museum (Saga, Xapón), entre outros.