Devanceiras
A procura de documentos que permitan unha mellor comprensión da presencia activa das mulleres na emigración exterior a terras do continente americano bate con moitas dificultades. As máis delas debidas, claro está, ao repetido silencio dunhas fontes que teñen centrado o seu interese na maioritaria emigración masculina, pero tamén, como está a cobrar maior capacidade explicativa hoxe, a eivas no proceso de investigación ao trasladar aos textos documentais categorías de análise que se viñeran mostrando moi remisas á incorporación da perspectiva de xénero na investigación histórica. De feito, o agromar de investigacións sobre o papel das mulleres nos movementos migratorios débese máis a premisas metodolóxicas que á aparición de novas fontes documentais.
Se para salientar a realidade de milleiros de mulleres forzadas a facer fronte á ausencia dos homes na emigración, os versos de Rosalía de Castro foron determinantes no canto de reivindicar as “viúvas de vivos” como fai no seu coñecido poema “Pra A Habana”, non menos importancia ten a relación de pontevedresas en Montevideo que incorpora o poeta pontevedrés Xoán Manuel Pintos (1811-1876) en A Gaita Galega, publicada na cidade do Lérez en 1853 co longo subtítulo de “A Gaita Gallega tocada polo gaiteiro, ou sea Carta de Cristus para ir deprendendo a ler, escribir e falar ben a lengua gallega e ainda mais”.
Trátase si dunha obra literaria, das primeiras escritas en Galego no século XIX, pero de obrigada referencia nos estudos migratorios en Galicia ao singularizar a presenza de mulleres migrantes, seica solteiras, nas ribeiras do Plata. Aínda tratándose dunha breve referencia ten o valor de rescatar esa presenza feminina xeralmente ignorada.
Na carta que o “gaiteiro” escrebe desde Montevideo pode lerse, en síntese o seguinte:
Carta de Montevideo
Miña querida Catuxa,
recibín polo correo
a carta que me mandaches,
e me dou moito contento
….
Había,pois, no peirao
Un valente reximento
De nenos, homes, mulleres,
Caladiños cal cordeiros.
….
Vaia, quedéime varado
Cando no sitio tropezo
Co fillo de Chinto Porro,
neto de Bartolo Rego.
Lucía, a roxa da Esculca,
Con Sabeliña de Hermelo;
Andrea Cachada, a torta,
Catriña, a filla do cego,
Margarita de Beluso
E Caiota de Bueu,
Que direita como un fuso
Baila o fandango do ceo,
Con outras das catro esquinas
de todo o noso terreo
¡Tristes, fitando no barco
E camiño que truieron!
Non me fartei de abrazalos
E ofrecerlles o que teño,
Pero estábanche tan mornos
Como o boi no matadeiro.
(A Gaita Gallega, 1853)
A figura de mulleres que choran ausencias repetirase na carteleira das casas armadoras dos buques que trasladan emigrantes desde portos galegos ata moi entrado o século XX. Apréciase ben no cartel que anuncia a saída do “nuevo vapor alemán Villagarcía”.