Mestra exiliada en México

CONCEPCIÓN PAZO ÁLVAREZ

A Estrada, 1907 – Data e lugar do seu pasamento descoñecida

A vocación polo ensino víñalle a Conchita Pazo de familia. Filla da mestra de instrución primaria Emilia Álvarez, fervente seguidora da Escuela Libre de Enseñanza, educou xunto co seu home Pelayo Pazo aos seus dez fillos neste sistema de libre pensamento e formación integral. Oito dos fillos e fillas desta parella dedicaríanse ao ensino, entre elas atópase Conchita Pazo.

Aínda que os datos biográficos desta mestra estradense son escasos, pois tan só contamos cos que puido reunir a profesora Mª Luísa Pazos en varios artigos, a súa experiencia vital achéganos ao tema, insuficientemente tratado como reclaman historiadores da educación Como Antón Costa ou Gregorio Fente, do exilio das e dos docentes que puideron escapar da represión franquista tan pronto desatada en Galicia. Circunstancias tan adversas que sen embargo, antes que amortigualas, avivarían a súa vocación pedagóxica e docente.

Pouco se sabe da súa vida na Estrada como mestra antes de casar en 1935 con Celestino López López, tamén republicano e masón. A represión que se viviu na Estrada despois do levantamento militar de xullo de 1936 provocou a separación da parella por máis de dez anos. Como deixou sinalado Mª Luísa Pazos (2008) tanto Celestino como o seu curmán Eduardo Pazo Álvarez, recoñecido mestre e matemático, foron escondidos pola familia. Eduardo conseguiría, pasado un tempo, saír por Portugal rumbo a Cuba mentres que Celestino, o home de Conchita, despois dun ano escondido por familiares e amigos, consegue embarcar clandestinamente na Coruña con destino a México, onde sería un activo militante da Alianza Nacional Galega. Conchita, ao tempo que traballa como “agregada de inspección” en Santiago de Compostela, queda ao coidado da súa nai Emilia da que non se separará ata a súa morte en 1946.

O cinco de xaneiro de 1947 Conchita colle un avión con destino a México para reunirse co seu home tras dez anos separados. Alí integraríase no mundo intelectual e político do exilio mexicano do que xa formaba parte activa o seu home.

En México, Concepción Pazo sería profesora de primaria no Colegio Madrid, un dos centros emblemáticos do exilio mexicano. Unha experiencia que relataría unha vez e máis outra ao seu regreso a Galicia. Como lembra Mª L. Pazos (2007): na Estrada sobriños e parentes lémbrana como unha persoa entusiasta e alegre “que non paraba de contar as excelencias do Colexio Madrid, e como se traballaba, estudaba e creaba no exilio”. Consegue que o seu irmán Eduardo se instale en México, onde exercería como profesor universitario ata 1971.

Xa viúva desde 1963, os irmáns Pazo Álvarez regresan a Galicia en 1971. Reintégrase Conchita como mestra nacional en Forcarei en 1973, trasladándose posteriormente ao Grove ata a súa xubilación en 1977.