Mestra exiliada en México

CONCEPCIÓN PAZO ÁLVAREZ

A Estrada, 1907 – Data e lugar do seu pasamento descoñecidos

A vocación polo ensino víñalle de familia a Conchita Pazo. Filla da mestra de instrución primaria Emilia Álvarez, fervente seguidora da Escola Libre de Ensinanza, educou xunto co seu home, Pelayo Pazo, os seus dez fillos neste sistema de libre pensamento e formación integral. Oito deles dedicaríanse ao ensino, como é o caso de Conchita Pazo.

Aínda que os datos biográficos desta mestra estradense son escasos, pois tan só contamos cos que puido reunir a profesora M.ª Luisa Pazos en varios artigos, a súa experiencia vital achéganos ao tema, insuficientemente tratado, como reclaman historiadores da educación coma Antón Costa ou Gregorio Fente, do exilio das e dos docentes que puideron escapar da represión franquista, tan pronto desatada en Galicia. Circunstancias tan adversas que, non obstante, no canto de debilitalas, avivarían a súa vocación pedagóxica e docente.

Pouco se sabe da súa vida na Estrada como mestra antes de casar en 1935 con Celestino López López, tamén republicano e masón. A represión que se viviu na Estrada despois do levantamento militar de xullo de 1936 provocou que a parella se separase durante máis de dez anos. Como deixou sinalado M.ª L. Pazos (2008), tanto Celestino coma o seu curmán Eduardo Pazo Álvarez, recoñecido mestre e matemático, foran escondidos pola familia. Eduardo conseguiría, pasado un tempo, saír por Portugal rumbo a Cuba, mentres que Celestino, o home de Conchita, despois dun ano escondido por familiares e amizades, conseguiu embarcar clandestinamente na Coruña con destino a México, onde foi un activo militante da Alianza Nacional Galega. Conchita, ao tempo que traballaba como “agregada de inspección” en Santiago de Compostela, quedou ao coidado da súa nai Emilia, da que non se separará ata a súa morte en 1946.

O 5 de xaneiro de 1947 Conchita colleu un avión con destino a México para reunirse co seu home tras dez anos separados. Alí integrouse no mundo intelectual e político do exilio mexicano do que xa formaba parte activa o seu home.

En México, Concepción Pazo foi profesora de primaria no Colexio Madrid, un dos centros emblemáticos do exilio mexicano. Unha experiencia que relataría unha vez e mais outra ao seu regreso a Galicia. Como lembra M.ª L. Pazos (2007): na Estrada sobriños e parentes lémbrana como unha persoa entusiasta e alegre “que non paraba de contar as excelencias do Colexio Madrid, e como se traballaba, estudaba e creaba no exilio”. Conseguiu que o seu irmán Eduardo se instalase en México, onde exerceu como profesor universitario ata 1971.

Xa viúva desde 1963, os irmáns Pazo Álvarez regresaron a Galicia en 1971. Reintegrouse Conchita como mestra nacional en Forcarei en 1973, e posteriormente trasladouse ao Grove ata xubilarse en 1977.