CHITA LAMAS BARREIRO

Bos Aires, 1909 – Lugar e data do seu pasamento descoñecida.

Considera Xesús Alonso Montero a Inmaculada Concepción Lamas Barreiro como “a primeira voz feminina do exilio galego”.

Filla de Amparo Barreiro e Farruco Lamas emigrados á Arxentina nos comezos do século XX xa con tres fillos mentres que Chita e a súa irmá Vicenta nacen na Arxentina. O ambiente familiar no que se desenvolve Inmaculada está marcado pola militancia galeguista e agrarista do pai que segue a manter estreitos lazos cos militantes de Galicia como é o caso moi especialmente de Ramiro Illa Couto.

A situación familiar permite que Chita realice estudos nunha escola inglesa, o que lle ha servir co tempo para dar clases desta lingua.

As frecuentes viaxes por motivos políticos e de traballo de Ramiro Illa a Arxentina e o apoio que lle presta Farruco Lamas nas iniciativas que desenvolve a un lado e outro do Atlántico reforzan unha relación persoal que se afianzará cando o 20 de abril de 1929 unha xove Chita de apenas vinte anos case con Ramiro, viaxante de comercio de trinta e tres anos.

Chita e Ramiro regresan a Galicia en 1931. En setembro de 1933 ela afíliase ao Partido Galeguista. Recolle Xosé Luís Pastoriza que en 1934 impartiu clases de inglés á mocidade galeguista de Vigo liderada polo seu curmán Xaime Isla; así mesmo, anota que coa súa irmá Vicenta acudiu á Semana Cultural Galega celebrada no Porto en abril de 1935 como parte da delegación do Seminario de Estudos Galegos.

O estado de saúde de Chita e as moi frecuentes viaxes de Ramiro levou a que o matrimonio se separara temporalmente en diversas ocasións. A guerra impediría tamén que se reuniran na Arxentina en 1936. Despois da detención de Ramiro a finais dese mesmo ano e ata abril de 1937, reencóntranse en Porto en xaneiro de 1938.

Nese verán viaxaron a Italia, Suíza e Francia para a compra de maquinaria destinada ao Instituto Bioquímico Miguel Servet no que traballaba Ramiro en Porto.

Trasládanse a Tarbes, Francia, na fronteira con España. A finais de 1938 están en Barcelona.

Viven en París desde febreiro de 1939, colaborando con Florencio Delgado Gurriarán na saída dos refuxiados cara México e Chile. Chita chega a México co seu home no Mexique como sabemos pola publicación España Libre de Nueva York de 19 de xaneiro de 1940, órgano das Sociedades Hispanas Confederadas”.

Para Aurora Marco e X.L. Pastoriza é no exilio cando agroma en galego a voz poética de Chita. Publica en México dous poemas. “Hoxe foise o meu amor” (1943) aparece no número tres da revista Saudade. Verba Galega das Américas, cuxo primeiro número saíra en 1942 . Tamén de 1943 é o segundo poema que desta vez publica no Cancioneiro da Loita Galega. Edición da que se sabe foi responsable o poeta valdeorrés exiliado Florencio Delgado Gurriarán. Marco e Pastoriza salientan o silencio que se cerne sobre Chita desde 1944. Sábese que en 1950 vivía en Lima e que nese ano a súa irmá Vicenta solicita no seu nome o divorcio amistoso da anterior parella. En frase de Pastoriza, “e con esta definitiva separación amigable, Chita mergullouse no rio do esquecemento”.