CHITA LAMAS BARREIRO

Bos Aires, 1909 – Lugar e data do seu pasamento descoñecidos.

Considera Xesús Alonso Montero a Inmaculada Concepción Lamas Barreiro como “a primeira voz feminina do exilio galego”.

Filla de Amparo Barreiro e Farruco Lamas, , que emigraron á Arxentina a comezos do século xx xa con tres fillos; Chita e a súa irmá Vicenta naceron alí. O ambiente familiar no que se desenvolveu Inmaculada estivo marcado pola militancia galeguista e agrarista do pai, que seguiu a manter estreitos lazos cos militantes de Galicia, como é o caso, moi especialmente, de Ramiro Illa Couto.

A situación familiar permitiu que Chita estudase nunha escola inglesa, o que lle serviu co tempo para dar clases desta lingua.

As frecuentes viaxes por motivos políticos e laborais de Ramiro Illa á Arxentina e o apoio que lle prestou Farruco Lamas nas iniciativas que desenvolveu a un lado e a outro do Atlántico reforzaron unha relación persoal que se afianzou cando o 20 de abril de 1929 Chita, de apenas vinte anos, casou con Ramiro, viaxante de comercio de trinta e tres anos.

Chita e Ramiro regresaron a Galicia en 1931. En setembro de 1933 ela afiliouse ao Partido Galeguista. Recolle Xosé Luís Pastoriza que en 1934 lle impartiu clases de inglés á mocidade galeguista de Vigo, liderada polo seu curmán Xaime Isla; así mesmo, anota que coa súa irmá Vicenta acudiu á Semana Cultural Galega celebrada no Porto en abril de 1935 como parte da delegación do Seminario de Estudos Galegos.

O estado de saúde de Chita e as moi frecuentes viaxes de Ramiro fixeron que o matrimonio se separase temporalmente en diversas ocasións. A guerra impediu tamén que se reunisen na Arxentina en 1936. Despois da detención de Ramiro a finais dese mesmo ano e ata abril de 1937, reencontráronse no Porto en xaneiro de 1938.

Nese verán viaxaron a Italia, a Suíza e a Francia para comprar maquinaria destinada ao Instituto Bioquímico Miguel Servet do Porto, no que traballaba Ramiro.

Trasladáronse a Tarbes (Francia), na fronteira con España. A finais de 1938 estaban en Barcelona.

En febreiro de 1939 foron vivir a París, onde colaboraron con Florencio Delgado Gurriarán na saída das e dos refuxiados cara a México e Chile. Chita chegou a México co seu home no Mexique, como sabemos pola publicación España Libre de Nova York de 19 de xaneiro de 1940, órgano das Sociedades Hispanas Confederadas.

Para Aurora Marco e X. L. Pastoriza foi no exilio cando agromou en galego a voz poética de Chita. Publicou en México dous poemas; “Hoxe foise o meu amor” (1943) apareceu no número 3 da revista Saudade. Verba Galega das Américas, cuxo primeiro número saíra en 1942. Tamén de 1943 é o segundo poema, que desta vez publicou no Cancioneiro da Loita Galega, edición da que se sabe que foi responsable o poeta valdeorrés exiliado Florencio Delgado Gurriarán. Marco e Pastoriza salientan o silencio que caía sobre Chita desde 1944. Sábese que en 1950 vivía en Lima e que nese ano a súa irmá Vicenta solicitou no seu nome o divorcio amigable da anterior parella. En frase de Pastoriza, “e, con esta definitiva separación amigable, Chita mergullouse no río do esquecemento”.