Emigrante. Militante na busca de fillos e netos desaparecidos na ditadura arxentina.

Carmen Cornes Piñeiro

Ribadumia (aldea Sisán) 1911 – Córdoba (Arxentina) 1998

A súa nai, Francisca Piñeiro, criouna soa (a ela e a outros tres irmáns) ao estar ausente o seu pai, Manuel Cornes, na emigración, primeiro na Arxentina e despois en Cuba. Destinos dos que volveu sen apenas éxito económico, morrendo de accidente ao pouco do seu regreso.

No libro que lle dedica Beatriz López (Hasta la Victoria Siempre… Testimonio de Carmen Cornes, emigrante gallega y militante de la vida, editada por Edicións do Castro en 1992) anota que con apenas dezaseis anos, e xunto con outras tres rapazas da aldea, tan novas ou aínda máis ca ela, Carmen sobe ao barco que a levaría á Arxentina e tras máis de vinte días de travesía desembarca en Bos Aires. Era o ano 1928. Non volvería ver a súa nai ata cincuenta anos despois.

En Bos Aires vive primeiro na casa dun tío. Moi axiña empeza a traballar de “mucama” (empregada doméstica, o oficio máis socorrido daquela de moitas emigrantes galegas), coa arela de poder aforrar e retornar á terra. As súas expectativas de retorno non se dan cumprido, aínda traballando despois en moi duras condicións nunha fundición de bronce. Na fundición permaneceu cinco anos e co que conseguiu aforrar pagou a pasaxe de barco que aínda debía e a hipoteca da súa familia. Renuncia así ao seu soño e establécese xa definitivamente no país austral. Casa con Jorge Castiglioni, co que ten o seu único fillo, Miguel Ángel (nacido en 1949). Sendo este estudante de Filosofía e Letras comprométese con forzas da esquerda revolucionaria (foi militante do PRT-ERP nos anos setenta) e sempre contou co apoio e a comprensión da nai que chegou a afirmar: “A miña militancia foi a militancia do meu fillo… acompañalo, axudalo, non reprocharlle a súa elección de vida. Porque eu comprendía os seus ideais e estaba orgullosa del”. O seu fillo “fíxolle medrar” como rememora Carmen ao lembrar a detención e desaparición do seu fillo en La Plata en 1976.

No momento da desaparición do fillo, Carmen, de sesenta e catro anos, tamén será detida xunto coa súa nora e o seu neto. Permanecerá en prisión durante ano e medio. Despois será liberada sen cargos. Vese obrigada a marchar ao exilio. Conta coa axuda do consulado español, logrando finalmente chegar a Galicia tras pasar por Uruguai e Brasil. Non decae na súa loita reivindicativa e participa activamente xunto ás organizacións de latinoamericanos que denuncian as ditaduras dos seus países. Ao cabo de oito anos, unha vez restablecida a democracia en Arxentina, volve ao seu país de adopción para seguir reclamando xunto coas “Madres de la Plaza de Mayo” e de outras diversas prazas arxentinas, polo seu fillo e por todos os desaparecidos. Desta vez vaise a vivir na cidade de Córdoba coa súa nora e o seu neto.

Nesta cidade arxentina axuda a reorganizar a “Asociación de Familiares de Desaparecidos y Detenidos por Razones Políticas de la Provincia de Córdoba”, que renace coa iniciativa de Carmen. Participa así mesmo na fundación e no desenvolvemento da “Comisión de Familiares de Desaparecidos Españoles”. Finalmente, o 5 de febreiro de 1998, ao regresar dunha das habituais marchas das “Madres na Plaza San Martín de Córdoba”, foi atropelada por unha moto. Morrendo ese mesmo día.