Primeira muller presidenta da Asociación Mutualista Residentes de Vigo

María del Carmen Araujo Baliñas

Vigo, 1933 – Bos Aires, 2023

Chega a Bos Aires con apenas dezasete anos. Era o ano 1950 cando a familia decide emprender unha nova vida na capital arxentina. Atrás quedaban os duros anos de represión que a familia paterna tivo que soportar pola súa militancia socialista. María del Carmen casará con Benigno Gil, tamén de familia viguesa represaliada. Co tempo terán catro fillas: Sandra, María, Carina e Analía.

Ao tempo que compaxina o traballo na casa e de coidado das fillas con labores de secretaria dun coñecido médico bonaerense (entre os anos 1958 e 1963) vaise integrando de maneira activa nas actividades da Asociación de Mutualistas de Vigo en Bos aires, única sociedade olívica no exterior. A entidade, cuxo nome inicial era “Asociación Unión Residentes de los Ayuntamientos de Vigo y Lavadores”, fora fundada en 1918 por setenta emigrados de Vigo e a súa contorna, nun período no que agroman no país austral institucións galegas microterritoriais, así denominadas por ser o seu ámbito parroquial, municipal ou comarcal. A primeira destas asociacións microterritoriais en Bos Aires fora precisamente outra pontevedresa, “La Concordia, asociación parroquial de los naturales de Fornelos da Ribeira” (Salvaterra de Miño).

Na acta fundacional da de Vigo e Lavadores (daquela municipio independente) dicíase que a sociedade se encargaría de fomentar a irmandade entre os coterráneos e manter vínculos culturais coa terra que se viran obrigados a abandonar. O obxectivo perseguido, a súa arela, xunto con dar a coñecer as condicións en que se atopaban os traballadores na Arxentina, era o de chegar a fundar establecementos de ensinanza nos distritos de Vigo e Lavadores, “para que nuestros paisanos al llegar a otros países, hayan obtenido por intermedio de la instrucción un carácter bien organizado para las luchas y los contrastes de la vida”. Para o cumprimento dos seus fins fundacionais a sociedade precisaba dun nutrido número de socios, o que batía co seu progresivo descenso pola diminución de inmigrantes vigueses, fenómeno común a outras entidades asociativas galegas, xa apreciable nos anos trinta e cuarenta do pasado século XX. Afectoulles a todas elas a dispersión asociativa en entidades que respondían a un ámbito territorial reducido. o que terminaría significando un pesado lastre á hora de afrontar os gastos dos servizos de mutualismo que, no caso da asociación viguesa comprendían “una mutua -a los enfermos se les concedía un subsidio y a los necesitados se les abonaban los gastos de la repatriación–, un consultorio médico y otro jurídico”. O “mutualismo sen embargo – recoñecería anos despois á presidenta Araujo Baliñas nos actos de clausura da celebración dos 90 anos da institución- deixara de practicarse porque a entidade non conta con recursos para facelo e a cota que se lles cobra aos socios é tan reducida que é simbólica”. O maior número de socios (930) alcanzarase en 1956 pero no ano 2000 non sobrepasaban os cento cincuenta.

María del Carmen exerce a presidencia de “Residentes de Vigo” entre os anos 2002 e 2018, sendo a primeira muller que accede ao máximo posto directivo da devandita asociación. Antes xa tivera unha participación activa na mesma, xa fora como integrante do Coro Social Residentes de Vigo ou como membro activo da Comisión, na que participaban outros membros da familia Araujo e o seu esposo Benigno. Como presidenta correspondeulle organizar en 2008 os actos de celebración do noventa aniversario do centro, que contarían coa presenza do alcalde de Vigo e dez anos despois conmemorar os cen anos de vida de Residentes de Vigo, desta vez coa presenza do secretario xeral de emigración do goberno galego. Os actos de 2008 serviron tamén de presentación do corpo de baile da entidade. Todos os seus desvelos en Residentes de Vigo centráronse en reafirmar a presenza de Galicia en moi diversos ámbitos da vida arxentina, con especial atención ás manifestacións culturais e lúdicas. E así se recolle tamén no libro Los centros de la emigración pontevedresa en Buenos Aires, do xornalista Martín Fernández, editado pola Deputación de Pontevedra en 2014.

A presidenta Araujo gozou en todo momento de gran recoñecemento entre a comunidade galega de Arxentina. No mesmo ano de creación en 2007 do colectivo “Herbas de Prata” (xurdido da vontade dun grupo de galegas emigradas e descendentes de xuntarse para traballar por e para as mulleres non só dese colectivo) colabora nos actos que desenvolve o 8 de marzo cunha conferencia sobre as mulleres na colectividade galega bonaerense. Recibirá tamén desta asociación en 2010 o premio que leva o nome de Virxinia Pereira. De novo en 2012, durante a celebración do seu 24 aniversario, a “Federación Unión Asociaciones Gallegas” fíxolle entrega da distinción “muller galega do ano”.