
BLANCA RODRÍGUEZ SÁEZ
Ferrol 1897? – México D.F. 1972?
A historia familiar desta muller ferrolá de nacemento está intimamente unida a Pontevedra e ao exilio mexicano polas tráxicas circunstancias que lle tocou vivir co levantamento militar de 1936. Con prolongada residencia en Pontevedra debido ao destino militar do seu home, Juan Rico, capitán da Garda de Asalto, que sería fusilado o 12 de novembro de 1936 na Caeira (Pontevedra), tivo que facer fronte a unha situación tan demoledora e asfixiante que cambiaría a súa vida para sempre. Viúva e nai dunha filla e dous fillos que contaban daquela, a máis vella Blanca Rico, quince anos; Juan catorce e o máis noviño apenas cinco anos, privada de recursos e obrigada a pagar xunto coas outras dez familias de coñecidos pontevedreses asasinados nese mesmo día, “unha indemnización solidaria dun millón de pesetas”.
Moitos anos despois, xa morta a nai en México, a súa filla Blanca rememora os días vividos entre o 19 de xullo e o 12 de novembro de 1936: como o comandante Velarde “impediu en varias ocasións á súa nai, Blanca Rodríguez Sáez, visitar ao seu home”, e ata lle raparon o pelo (práctica denigrante habitual para coas mulleres republicanas) á muller que traballaba para a familiar cando pretendía atender as necesidades do detido. Exténdese tamén no libro Inmolados galegos de L. Lamela na xenreira persoal que amosou en todo momento o comandante Velarde co seu pai: “o trato foi fatal… se o ía ver o sacerdote á habitación na que estaba retido, aquela camarilla botábao a empurróns materiais. Logo quitábanlle a cama e tiña que durmir sen ela. En fin, que lle fixo de todas, de todas…”.
Blanca e os fillos conseguirán despois chegar a Oporto, onde vivirán algo máis de dous anos baixo protección diplomática que fora pedida polos membros da familia que levaban anos instalados en México. Segundo testemuño da neta Rosario Quintanilla Rico, “como tiñan amigos socialistas en Portugal, marchou para alá, porque as súas irmás lle mandaban cartos desde México e era máis fácil que chegasen alá”. Se ben sabemos que o socialismo non fora a opción ideolóxica do avó materno dos irmáns Quintanilla Rico.
Contaba en 2004 Blanca Quintanilla Rico que a axuda dos tíos Rogelio e Manuel Rodríguez Sáez, prósperos comerciantes en Puebla, México, foi decisiva. A familia de Galicia recordábaos como auténticos “tíos de América” sempre solícitos, cunha preocupación especial pola familia que, retornada de Portugal unha vez finalizada a guerra española, encaraba a vida nas difíciles circunstancias do racionamento e do estraperlo.
A familia instálase en Compostela, nunha casa de aluguer fronte á facultade de medicina para que Juan estudase esta carreira. Dáse a circunstancia de que na mesma rúa e nunha casa tamén de aluguer na que habilitara unha pensión de estudantes vivía a viúva do alcalde socialista asasinado en 1936 Xaime Quintanilla. Os seus dous fillos estudaban medicina. Xaime casaría despois con Blanca Rico e instalaríanse en Ferrol.
Blanca Rodríguez Saéz unha vez que o seu fillo Juan rematou a carreira e se trasladou a México reclamado pola familia, partiría tamén co seu fillo Alfonso que remataría enxeñería en México. Voltarían ocasionalmente a Galicia a visitar a súa irmá sendo máis frecuentes as viaxes da familia galega a México.