BERNARDA PEREIRA SOLLA

PONTEVEDRA, 1893 – VIGO, 1987

A vida desta mestra nacida en Campolongo, Salcedo, ten unha marcada impronta vocacional polo ensino. Ata tal punto que a súa filla Narda lembraba a figura do seu pai, asasinado en 1936, dicindo que el e a súa nai “se fixeran noivos cando el era militar pero que o pai dela non a deixaba casar cun militar, así que deixou o exército e fixo a carreira de mestre, a mesma que estudara ela”.

Unha vez casada con Alfonso Rodríguez Méndez os dous empregáronse como mestres en Padriñán, no Concello de Sanxenxo; el na escola 1, a de nenos, e ela, na número 2, a das nenas. Alí puxeron en marcha moitas das innovacións impulsadas polo goberno da II República. Alumnas e alumnos deixaron testemuñas da súa plena dedicación pedagóxica e da súa preocupación por orientalos sobre o seu futuro laboral.

A publicación Do Gris ao violeta anota que Bernarda nunca estivo detida, no que puido influír o feito de que, ao contrario que o seu home, era profundamente relixiosa. Si sería depurada laboralmente. E nunca volvería traballar como mestra aínda que nunca abandonaría o ensino.

Tras o asasinato de Alfonso refúxiase coa súa filla, que daquela tiña uns doce anos, na casa familiar en Salcedo. Alí daría clases particulares, pasantías; actividade que continuaría co seu traslado a Pontevedra. Nesta cidade, xunto coa súa irmá Carmen, establecería nun piso alugado na Praza da Ferraría, unha pequena residencia de rapazas estudantes na Escola Normal.

Pola dedicación laboral da filla trasladan a súa residencia primeiro a Vigo e despois a Venezuela, onde residirán ata 1967. A devandita publicación recolle a testemuña da súa afillada Beatriz Armenta que conviviu con ela en Venezuela desde os 15 ata os 22 anos: “Cando marchou a Vigo coa filla, daba clases pero non para sacar cartos senón que ensinaba a ler a criaturas da veciñanza, sobre todo a nenos con dificultades. Penso que nin lles cobraba. A min tamén me deu clase. Volvíame tola coa caligrafía (…) Logo marchou a Venezuela … alí non traballaba pero seguía ensinando a ler e escribir” .

Coa chegada da democracia puido cobrar a pensión de viuvez e tamén a recoñecida ao persoal do maxisterio depurado.