Funcionaria do Estado Español en Salvador de Bahía (Brasil)

Auristela Piñeiro Bouzas (Lita)

Nacemento: Anceu (Pontecaldelas) 1939

Filla de Lino Piñeiro Bouzas e de Leonilda (Luna) Bouzas Nogueira.

Os seus primeiros cinco anos de vida discorren na súa aldea natal, nun entorno marcado pola ausencia dos homes da familia, e da maioría dos con-veciños varóns, debido ao forte sinal deixado pola emigración exterior (nesta zona de tradición a asentarse de preferencia en Portugal e, enseguida, marcadamente no Brasil). Esta circunstancia explica que non coñeza persoalmente ao seu pai, que se vexa privada da manifestación directa e persoal do afecto paterno, ata os seus cinco anos cumpridos. Neses anos o seu pai convertérase nun empresario de éxito no ramo da pastelería en Salvador de Bahía.

Os recursos familiares permitiron que a pequena Lita estudara interna nun colexio de monxas en Vigo e que, aos seus dez anos, cando parte para Salvador de Bahía, con toda a súa familia e ca súa aboa ao fronte, embarquen na primeira clase do transatlántico brasileiro Cuiaba. Na travesía vive a experiencia amarga da enfermidade e morte da súa avoa, tendo que asistir ao “enterro marino” que se practicaba habitualmente daquela. Tamén no mesmo ano da chegada a Salvador morre o pai en tráxicas circunstancias.

A actitude materna de tomar as rendas do negocio e o achego do nutrido entorno familiar na mesma cidade brasileira permiten enfrontar á viúva Luna Bouzas ás adversas circunstancias e sacar adiante ao fillo Lino e ás dúas fillas Mª del Carmen e Lita apenas asentada a familia no Salvador de Bahía.

Lita asiste a un colexio externo, participa activamente xa de moza en distintas iniciativas culturais tanto dentro como fora do Club Español.

Na Universidade de Bahía licénciase en Dereito. Mentres realiza os seus estudos de licenciatura traballa no Consulado Argentino. Aos poucos anos accede á praza de funcionaria no Consulado General de España en Salvador de Bahía, onde desenvolvería toda a súa vida profesional ata a xubilación en 2009, circunstancia que lle ía facilitar a súa frecuente estancia en España e particularmente en Galicia.

Actuou en todo momento como gran facilitadora das estancias “baianas” de persoal investigador das universidades galegas e de xente da cultura de Galicia. Así, é frecuente a referencia en traballos de investigación ao seu apoio tanto na achega de documentación como na facilitación das estadías de investigación.

Mantivo unha notable presenza no traballo desenvolvido por institucións culturais a prol da cultura e a presenza de Galicia e de apoio ás persoas maiores desenvolvidas pola comunidade galega de Bahía, en especial as levadas a cabo por un activo e comprometido grupo de mulleres galego-baianas.

Continua a vivir hoxe no seu entorno familiar, na casa de cálida acollida de tanta xente de Galicia, en Salvador de Bahía.