ANTÍA CAL VÁZQUEZ

A HABANA 1923 – MOAÑA 2022

A fecunda traxectoria vital de Antía Cal (familiarmente coñecida como Tita) énos ben coñecida pola vívida e entrañable autobiografía que titulou Este camiño que fixemos xuntos (2006).

Nace en Cuba no seno dunha familia emigrante do concello de Muras (Lugo) que contaba xa cunha nutrida historia de viaxes e representación, especialmente de mulleres, naquel país. Vive no país caribeño ata os nove anos de idade. Como máis tarde escribiría, “Eu son os nove anos que vivín na Habana, parece mentira que me marcaran tanto”.

A familia (a nai, Antía e os seus irmáns), sen o pai que permanecerá en Cuba traballando uns anos máis, regresa a bordo do Cristóbal Colón. Instálanse primeiramente en Vigo realizando frecuentes viaxes á casa familiar de Muras. Os cambios de residencia familiares foron frecuentes. O bacharelato estudouno no colexio Dequidt da Coruña, con moi bo aproveitamento. Trasládanse a Santiago de Compostela cando Tita ten dezasete anos.

Por imposición paterna fará estudos de comercio entre 1940 e 1945 que simultaneará co que era a súa vocación primeira, realizar estudos de maxisterio e a licenciatura de Filosofía e Letras, que consegue rematar en 1945. Nunca habería de perder a fe no poder do ensino para cambiar o mundo. Como axiña reflictiría, entre outras iniciativas, na escrita de O libro dos nenos, a enciclopedia infantil en galego coa que gañou o concurso do Lar Galego de Caracas en 1955, unha obra que, sen embargo, quedaría inédita, ata que hai uns anos a editou a Deputación de Lugo.

En Compostela coñece ao médico e intelectual galeguista Antón Beiras, co que casará e terá dous fillos e dúas fillas. Instalada a familia Beiras Cal en Vigo, Antía funda en 1961, nun baixo do centro de Vigo (na rúa Pizarro), a súa propia institución educativa, o Colexio Rosalía de Castro, considerado unha auténtica revolución educativa en Galicia polos seus métodos pedagóxicos (moi influído por Johann Heinrich Pestalozzi) e polo seu ideario cívico. Ademais do emprego habitual do galego (que non se podía empregar nas clases por estar expresamente prohibido), o ensino desde os tres anos era bilingüe nas aulas (impartíanse en castelán e inglés).

Era un centro laico, sen ensino relixioso (católico unicamente neses momentos) obrigatorio; mixto; preocupado pola cultura galega e foránea (un bo exemplo témolo no nome das aulas que renden homenaxe a grandes personalidades Como Rosalía de Castro, Luís de Camoêns, Maríe Curie, Concepción Arenal, María Montessori, Bertrand Russell; Alexandre Bóveda, Castelao…), con grande atractivo para a xente culta da burguesía viguesa polo seu ensino de inspiración anglosaxona. O éxito que acompañou a esta iniciativa demandou novos espazos; e os cambios de sede foron obrigados ata chegar á actual instalación no barrio de Bembrive.

Aos 45 anos queda viúva e pese ás súas difíciles circunstancias non decae a súa vocación docente. A súa preocupación pedagóxica reforzouse cos seus intensos contactos desde 1969 co colectivo barcelonés Rosa Sensat, liderado por Marta Mata.

A súa vinculación coa docencia non se quebrou coa súa xubilación en 1988.

No ano 2002 foi nomeada viguesa distinguida. En 2004 recibe en Padrón o Pedrón de Ouro “por ser a personalidade viva e residente en Galicia que máis se destacou na defensa e a promoción das diversas facetas da cultura nacional na traxectoria da súa vida”. En 2012 a Fundación Otero Pedrayo entregoulle o Premio Trasalba.

Leva o seu nome unha rúa no barrio vigués de lavadores.

“Ollo cara atrás e contemplo a miña vida. Hai cousas que puiden facer mellor. Houbo momentos moi difíciles, días escuros, pozos dos que parecía que non daba saído. Pero de cando en vez crúzome con algún alumno, hoxe xa un home, coa súa familia, co seu proxecto andado de vida, algunha vez recibo unha carta, unha chamada, unha voz que me recorda e que me chama: Tita, e ou meu corazón leveda coma o pan no forno dos avós, un pan quentiño, arrecendente, agradecido”.