ANTÍA CAL VÁZQUEZ

A HABANA 1923 – MOAÑA 2022

A fecunda traxectoria vital de Antía Cal (familiarmente coñecida como Tita) é ben coñecida pola vívida e entrañable autobiografía que titulou Este camiño que fixemos xuntos (2006).

Naceu en Cuba no seo dunha familia emigrante do concello de Muras (Lugo) que contaba xa cunha nutrida historia de viaxes e representación, especialmente de mulleres, naquel país. Viviu no país caribeño ata os nove anos. Como máis tarde escribiría: “eu son os nove anos que vivín na Habana, parece mentira que me marcasen tanto”.

A familia (a nai, Antía e os seus irmáns), sen o pai, que permaneceu en Cuba traballando uns anos máis, regresou a bordo do Cristóbal Colón. Instaláronse primeiramente en Vigo e viaxaron moitas veces á casa familiar de Muras. Os cambios de residencia familiares foron frecuentes. Fixo o bacharelato no Colexio Dequidt da Coruña, con moi bo aproveitamento, e trasladáronse a Santiago de Compostela cando Tita tiña dezasete anos.

Por imposición paterna fixo estudos de comercio entre 1940 e 1945, que compaxinou co que era a súa primeira vocación: realizar estudos de maxisterio e a Licenciatura de Filosofía e Letras, que conseguiu rematar en 1945. Nunca perdeu a fe no poder do ensino para cambiar o mundo, como axiña reflectiría, entre outras iniciativas, na escrita de O libro dos nenos, a enciclopedia infantil en galego coa que gañou o concurso do Lar Galego de Caracas en 1955, unha obra que, con todo, quedaría inédita, ata que hai uns anos a editou a Deputación de Lugo.

En Compostela coñeceu o médico e intelectual galeguista Antón Beiras, co que casará e terá dúas fillas e dous fillos. Instalada a familia Beiras Cal en Vigo, Antía fundou en 1961, nun baixo do centro de Vigo (na rúa Pizarro), a súa propia institución educativa, o Colexio Rosalía de Castro, considerado unha auténtica revolución educativa en Galicia polos seus métodos pedagóxicos (moi influído por Johann Heinrich Pestalozzi) e polo seu ideario cívico. Ademais do emprego habitual do galego (que non se podía usar nas clases por estar expresamente prohibido), o ensino desde os tres anos era bilingüe nas aulas (impartíanse en castelán e inglés).

Era un centro laico, sen ensino relixioso (católico unicamente neses momentos) obrigatorio, mixto, preocupado pola cultura galega e foránea (un bo exemplo témolo no nome das aulas que lles renden homenaxe a grandes personalidades coma Rosalía de Castro, Luís de Camões, Marie Curie, Concepción Arenal, María Montessori, Bertrand Russell, Alexandre Bóveda, Castelao…), con grande atractivo para a xente culta da burguesía viguesa polo seu ensino de inspiración anglosaxoa. O éxito que acompañou esta iniciativa demandou novos espazos; e os cambios de sede foron obrigados ata chegar á actual instalación no barrio de Bembrive.

Aos corenta e cinco anos quedou viúva e, pese ás súas difíciles circunstancias, non decaeu a súa vocación docente. A súa preocupación pedagóxica reforzouse cos seus intensos contactos desde 1969 co colectivo barcelonés Rosa Sensat, liderado por Marta Mata.

A súa vinculación coa docencia non se quebrou coa súa xubilación en 1988.

No ano 2002 foi nomeada viguesa distinguida. En 2004 recibiu en Padrón o Pedrón de Ouro “por ser a personalidade viva e residente en Galicia que máis se destacou na defensa e na promoción das diversas facetas da cultura nacional na traxectoria da súa vida”. En 2012 a Fundación Otero Pedrayo entregoulle o Premio Trasalba.

Ademais, unha rúa no barrio vigués de Lavadores leva o seu nome.

“Ollo cara atrás e contemplo a miña vida. Hai cousas que puiden facer mellor. Houbo momentos moi difíciles, días escuros, pozos dos que parecía que non daba saído. Pero de cando en vez crúzome con algún alumno, hoxe xa un home, coa súa familia, co seu proxecto andado de vida, algunha vez recibo unha carta, unha chamada, unha voz que me recorda e que me chama Tita, e o meu corazón leveda coma o pan no forno dos avós, un pan quentiño, recendente, agradecido”.