
ANISIA MIRANDA FERNÁNDEZ
Ciego de Ávila, Cuba, 1932 – Gres (Vila de Cruces), 2009
Tanto o pai como a nai de Anisia Miranda eran de procedencia ourensana. A forte relación posterior con Pontevedra viralle a Anisia da súa relación con Xosé Neira Vilas, con quen casa en 1957 e co que, máis tarde, se trasladaría a vivir na súa aldea natal, Gres (Vila de Cruces), en 1991. Foi nomeada filla adoptiva do concello de Vila de Cruces en 2009.
Anisia publica a súa primeira colaboración na prensa da Habana con tan só 12 anos. Pouco despois escrebe un conto dedicado á infancia. A literatura infantil ocupará en todo tempo un lugar principal na súa produción literaria.
En Cuba estudaría maxisterio e tamén xornalismo que remataría cando se traslada a Arxentina cos seus país en 1953. Enseguida entra en contacto con intelectuais exiliados e membros destacados da cultura e do asociacionismo galego, medios nos que coñece en 1954 ao que en 1957 sería o seu home. Neste último ano Miranda e Neira Vilas fundan a editorial Follas Novas que nace coa vocación de difundir o libro galego en América. Nesa editorial Anisia publicaría en 1960 o seu primeiro libro, o poemario Esta es Cuba, hermano. Con anterioridade, en 1958, publica na prensa galega de Buenos Aires o seu primeiro artigo en lingua galega. Entusiasta colaboradora na prensa arxentina e da colectividade galega viviría moi de cerca todas as actividades desenvolvidas co motivo da celebración na cidade porteña, en 1956, do Primeiro Congreso da Emigración Galega.
En 1961 a parella de escritores múdase a vivir a Cuba. Alí Anisia traballa no Consello Nacional de Cultura como redactora da revista Pueblo y Cultura na que colabora con Alejo Carpentier. Ao tempo responsabilizase da coordinación nacional de edicións de libros para a infancia e adolescentes. Foi secretaria de redacción do semanario infantil Pionero e cofundadora das revistas, dirixidas ao mesmo público, Zunzún (na que publica con grande éxito unha biografía do Che Guevara de neno) e Bijirita.
É autora dunha nutrida obra en galego para a infancia con títulos como A casa dos títeres, Os contos do Compay Grilo, Pardela amiga, Cantarelas, A primeira aventura, A casa dos títeres, A volta do Compay Grilo e Mitos e lendas da vella Grecia entre outros títulos. En Cuba recibe diversos premios e tamén en Vietnan recibe a Medalla Ho Chi Minh e a Orde da Amizade do Consello de Ministros de Vietnam, polo seu traballo de solidariedade con aquel país, sobre o que publicara Treinta días en Vietnam.
Xubílase en 1991 e a parella decide instalarse en Galicia onde crearán en Gres a Fundación Xosé Neira Vilas da que Anisia era vicepresidenta. Moi recentemente a Fundación tomou o acordo de constituir o “Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia”