Empresaria e presidenta do Real Club Celta de Vigo

María de los Ángeles Mouriño Terrazo

Lugar e ano de nacemento: Madrid, 1975

De pai vigués e nai, Geli Terrazo, nacida en México nunha familia oriunda de Avión (Ourense), aos catro anos a familia trasládase de Madrid a México DF por cuestións laborais. Cando conta once anos, a residencia familiar fixáse en Campeche (Península do Yucatán, México); alí estuda ata que con quince anos a envían interna a un colexio de Orlando (Florida, EE.UU). Neste último país realiza estudos empresariais na University of Miami. Regresa a Campeche e vaise adentrando na xestión dos negocios familiares, xunto aos seus dous irmáns maiores.

Casa en Vigo con Miguel Álvarez e trasladan a súa residencia a Campeche durante dez anos, facéndose cargo da xestión, xunto co seu irmán Carlos, do grupo empresarial familiar GES (Grupo Energético del Sudeste) que non se limita á xestión de gasolineiras senón que tamén abrangue um amplo abano de franquicias internacionais. A parella ten tres fillos.

A súa vida adulta veu desenvolvéndose entre España e México segundo as esixencias da súa activade empresarial, xa fora a carón dos negocios impulsados inicialmente en México polo seu pai, o vigués Carlos Mouriño Atanes, xa fora desenvolvendo traballos e representacións no seu propio nome. Desde 2019 dirixe o macro proxecto cultural, de formación e deportivo GS360 do Celta de Vigo.

Desde decembro de 2023, Marián Mouriño é a primeira muller presidenta dun equipo de fútbol galego, e centenario xa, que xoga en primeira división. O seu nomeamento como presidenta fixo traspasar a súa popularidade, tanto en Galicia como en España, moito máis aló do circo, xa ben amplo de seu, da “inchada céltica”.

A mandataria celeste, como se lle denomina en alusión á cor dominante no equipo, coñecía ben os retos aos que se enfrontaba. Fora directora de proxección e marketing no Club Celta entre 2005 e 2009. Cargo que ten que abandonar ao ter que centrarse na xestión preferente das empresas familiares. De feito, en 2021 convértese en administradora única do Grupo Corporativo GES Industrial, empresa matriz da familia Mouriño que inclúe empresas como Utingal, Molduras del Noroeste, Grandes Pagos Gallegos e Norfood, entre outras, con ramificacións en diversos sectores como o enerxético, hostaleiro ou alimenticio; na corporación intégrase ademais o Real Club Celta de Vigo.

Ten fixada a residencia familiar en Vigo, con frecuentes viaxes a Campeche e aos lugares que lle esixe o seu desempeño profesional.