
Como na primeira exposición, que con igual título de Pontevedra e América. Unha mirada en feminino recorreu en 2022 distintos concellos da provincia, tamén o tempo transcorrido en Pontevedra e o vivido en América, se ben distintos en época, duración, circunstancias persoais…, constitúe o principal nexo de unión entre as novas trece mulleres desta escolma.
Para unhas América constitúe o seu lugar de nacemento, que moi axiña se compatibiliza co “mundo” incorporado na emigración familiar aos países de destino (Chita Lamas, Reyna Pastor, Noemí Cendón), outras manterán igualmente unha intensa e prolongada vivencia naqueles países (Sofía Novoa, Concepción Pazo, Blanca Rodríguez Sáez, Margarita Bilbatúa Zubeldía, Rosina Villaverde), en todos estes casos debido á necesidade e urxencia de exiliarse e de reunirse coa familia transterrada, como tamén lles afecta o exilio, nestes dous casos en Venezuela, a Bernarda Pereira Solla e Concha Nogueira Miguel pero por un tempo máis curto.
Casos singulares son o de Antía Cal, nacida en Cuba e criada en Galicia desde os nove anos ou o de María Xosé Porteiro que chega a Cuba con catro anos e regresa con catorce.
Distínguese pola súa singularidade o caso de Isaura Abelairas que sen nacer en Cuba ou vivir algúns anos naquel país, desenvolve presencialmente estreitos lazos familiares, interrumpidos noutro momento do pasado, coa familia creada na emigración caribeña.
Quixemos tamén nesta segunda edición, que consideramos continuidade da primeira, darlle prioridade a evocar antes que informar ou describir os costes que entraña toda mobilidade persoal ou familiar, xa sexa motivada por razóns laborais ou políticas.
Buscábase propiciar evocacións que non só emocionen, que permitan antes que nada pensar, ver, sentir… para así ser quen de completarmos unha historia que compete a mulleres e a homes. Non abondan nesta segunda edición as historias de mulleres célebres, máis alá da ensinanza que a evocación de todo vida humana significa de seu, porque buscabamos traxectorias de mulleres que nos achegaran ao universo, amplísimo, das “xentes sen historia” que protagonizan maioritarimente a nosa historia migratoria. Evocar as súas vidas facilítanos dalgunha maneira “esa tarefa máis árdua- como escribíu o filósofo Walter Benjamin– de honrar a memoria dos seres anónimos que a das persoas célebres”.
Non debería sorprender, especialmente por un tema xeracional, a elevada representación de mulleres do exilio. Oito de trece. Esta vez é a filósofa María Zambrano ( na súa “Carta sobre el exilio” de 1961) quen bota toda a luz sobre a trascendencia de coñecer o exilio, cunha nova perspectiva, cando escrebe (orixinarimente en castelán): “o exilidado levou consigo un pasado que pide ser recoñecido na súa verdade, non para realizar anacrónicamente aquilo que puido ser e non foi… non, se non máis ben para liberar ao presente da súa indixencia».
Este proxecto desenvolveuno a Cátedra Iberoamericana da Universidade de Santiago de Compostela ao abeiro do Convenio asinado entre a Deputación Provincial de Pontevedra e esta universidade.
Equipo de traballo
María Xosé Rodríguez Galdo
María Cadaval Sampedro
Antón Dopico Rodríguez
Deseño e programación web
Vanesa Ojea Barrio